En loita por un audiovisual en galego

A Mesa organiza nesta terza-feira unha mesa redonda na Facultade de Comunicación da USC arredor da defensa do galego na nova Lei Xeral do Audiovisual

Coloquio Galego no audiovisual
photo_camera Coloquio organizado pola Mesa na Escola de Imaxe e Son coa participación de Isabel Naveira. (Foto: Laura Míguez)

A Mesa pola Normalización Lingüística continúa coa posta en marcha de coloquios para defender a loita polo galego na Lei do Audiovisual. Nesta ocasión, tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e participaron o propio presidente da Mesa, Marcos Maceira, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Baixo o título “Galego no audiovisual: unha necesidade”, tamén contou coa presenza da actriz Lidia Veiga, o director Ignacio Vilar e o actor de dobraxe Andrés Bellas.

Esta nova mesa redonda súmase a outras tres máis celebradas a semana pasada en A Coruña, Pontevedra e Lalín e nas que interviñeron as actrices Isabel Naveira e María Costas e a directora Adela Otero, respectivamente. A principal cuestión sobre a que versan estes encontros é no reclamo para que o goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da lexendaxe, das autodescricións e da dobraxe.

“Todo isto está absolutamente garantido no caso do español e cremos que tamén debe estalo para o galego nos mesmos termos”

Antes do coloquio, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordaba en declaracións ao Nós Diario tamén outro aspecto que vai contemplar a lei e que se refire ao financiamento de producións en lingua propia. “Todo isto está absolutamente garantido no caso do español e cremos que tamén debe estalo para o galego nos mesmos termos”, sinalaba.

Pola súa banda, Ignacio Vilar poñía o foco no investimento de plataformas como Netflix ou HBO en producir cine rodado en galego. “O que pedimos ao goberno estatal é que, por lei, estas entidades teñan a obriga de cumprir coa compra de filmes galegos e que participen así da súa produción”, afirmaba a Nós Diario. 

Deste xeito é como maiormente se favorece á industria cinematográfica galega: contribúese a contar historias propias e beneficia aos equipos técnicos e actores e actrices galegas, así como ás zonas nas que se asenten as rodaxes, explica Vilar. 

Percorrido da iniciativa

Na Galiza, xa hai tempo que se está a traballar neste ámbito. Estas peticións forman parte da segunda parte da "Iniciativa Xabarín", promovida a través da campaña 'Queremos galego no audiovisual' e que xa conta co apoio do Parlamento galego. De feito, xa comezou a súa andaina municipal, sendo Santiago de Compostela o primeiro concello en aprobar por unanimidade a moción Xabarín 2.0 pola defensa do galego na Lei do Audiovisual.

Despois deste coloquio, a Mesa continuará coa difusión polo país da iniciativa, xa que como indicaba Maceira, “hoxe en día non é posíbel que unha lingua se poida desenvolver se non ten presenza no audiovisual”. 

Comentarios