Que nos entenda Siri: así podes doar a túa voz para que o galego estea presente na Intelixencia Artificial

Esta terza feira recolléronse mostras vocais de maneira presencial na proba piloto habilitada na aula Cemit de Porto do Son. Mais tamén se poderán facer doazóns de maneira telemática a través do novo espazo web habilitado para tal fin.
O Proxecto Nós no Culturgal de 2023 (Foto: Proxecto Nós).
photo_camera O Proxecto Nós no Culturgal de 2023 (Foto: Proxecto Nós).

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participaron esta terza feira na aula Cemit de Porto do Son (comarca de Noia) na presentación da campaña 'AgasallaNós' de doazón de voz para o Proxecto Nós

Segundo explican nun comunicado, trátase dunha iniciativa que lanza a USC e que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal da Galiza para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.

No comunicado destácase que a finalidade desta campaña é "crear un rexistro o máis variado posíbel". Para iso, "é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais que axuden a ampliar e enriquecer o rexistro do noso patrimonio oral e asegurar un maior perfeccionamento desta tecnoloxía". 

Doazón telemática

Esta terza feira recolléronse mostras vocais de maneira presencial na proba piloto habilitada na aula Cemit de Porto do Son. Mais tamén se poderán facer doazóns de maneira telemática a través do novo espazo web habilitado para tal fin no enderezo doagalego.nos.gal, na que está integrada a ferramenta 'Common Voice', a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas. Con esta campaña buscan alcanzar as máis de 1.000 horas de gravación, necesarias para "garantir que o recoñecedor de voz funcione sen problemas".

"Estamos seguros de que a resposta será todo un éxito e que xuntos avanzaremos nun proxecto de país, darémoslle voz á tecnoloxía", aseveraron onte desdea USC e a Xunta.

Comentarios