As diferentes entidades que conforman a plataforma Queremos Galego anunciaron esta sexta feira en rolda de prensa a convocatoria dunha mobilización para o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, na cidade de Pontevedra.
Segundo informaron desde a entidade, trátase dunha concentración prevista para as 12 horas do mediodía n praza de Curros Enríquez, no centro histórico da cidade do Lérez, "para reivindicar a vida en galego, aquí e agora".
A de Pontevedra forma parte dunha serie de mobilizacións de convocan de maneira simultánea nas principais cidades galegas. Nestes actos lerase un manifesto nacional, e no caso de Pontevedra haberá animación musical a cargo do grupo Foula.
Nese manifesto, a plataforma Queremos galego reclama de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega, "a que nos une e fainos existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada".
Piden ademais que reclamen o uso do galego "en todos os contratos con calquera" e que o fomenten "en todos os ámbitos da sociedade". "A emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todos", sinala este manifesto.
Festa da Lingua
Por outra parte, os días 16 e 17 de maio, o Centro Social A Pedreira celebrará a Festa da Lingua, en cuxa programación se inclúe, a terza feira día 16 ás 8h da tarde, unha 'Rondalla pola Lingua' que percorrerá as rúas do centro histórico, e a cuarta feira, día 17, desde as 11h da mañá, comezarán unha serie de actividades festivas e de reivindicación que se prolongarán até a tarde.
Sabela Bará, portavoz de Queremos Galego, destacou "o retroceso que está a sufrir a nosa lingua e a necesidade de que as institucións e os gobernos se comprometan de forma clara co idioma". Aliás, animou a cidadanía a mobilizarse o 17 de maio e "todos os días do ano".