A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. Trátase de achegas que forman parte ‘Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural’, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica esta cuarta feira no Boletín Oficial da Provincia.
As colaboracións económicas da Deputación para a eliminación da simboloxía franquista dos espazos públicos poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista
A deputada de Memoria Histórica María Ortega lembra que a retirada da simboloxía franquista é unha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, “a Deputación pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os concellos da provincia poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente”.
As axudas repartiranse cun importe fixo de cincuenta mil euros de modo lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas.
A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa recuperación e mellora.