A asemblea local do BNG elixe a Escarlata Pampín como a nova portavoz nacionalista de Ames

Pampín foi durante o mandato pasado concelleira de Mocidade e de Normalización Lingüística.

David Santomil e Escarlata Pampín (Foto: Nós Diario).
photo_camera David Santomil e Escarlata Pampín (Foto: Nós Diario).

A asemblea local do BNG de Ames, decorrida esta quinta feira 18 de abril no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, escolleu como nova voceira a Escarlata Pampín, actual concelleira nacionalista, segundo anunciou a formación esta sexta feira aos medios de comunicación.

"Escarlata Pampín dá continuidade ao traballo feito polo BNG, que se mostra como alternativa de goberno cun grupo municipal amplo, estábel e con experiencia", salientaron desde a asemblea local.

"Afronto esta etapa como voceira do BNG con moitísima ilusión e coa certeza de que nas eleccións municipais do ano 2027 seremos a alternativa que nos levará ó cambio de Goberno no noso Concello" salientou Pampín tras ser elixida.

En 2015 o BNG logrou recuperar o grupo municipal e formar parte dun Goberno de coalición, no que se asumiron responsabilidades no ámbito da Educación, Cultura, Axenda Urbana, Mocidade, Normalización Lingüística e Comunicación, entre outras de carácter xeral do Concello de Ames.

"O traballo do BNG durante estes oito anos centrouse en continuar e ampliar ás áreas de xestión, as políticas e proxectos marca BNG. Unhas políticas derivadas da escoita e do sentir das veciñas e veciños do concello", destacou David Santomil, a quen Pampín substitúe como portavoz da formación en Ames.

Santomil subliñou que neste período "destacan as negociacións levadas a cabo coa Xunta da Galiza para a ampliación de varios centros escolares e as xestións para lograr os investimentos necesarios para construír un novo colexio no Milladoiro".

"Así como a xestión dos comedores escolares e os programas de conciliación municipal, e iniciouse a construción da cociña central na antiga nave de obras en Bertamiráns", engadiu o até o de agora voceiro do BNG en Ames.

"Ademais da declaración de Pontemaceira como Ben de Interese Cultural (BIC) que marcou un fito importante neste período para a protección dun dos principais elementos patrimoniais do concello de Ames e Negreira", salientou o até de agora portavoz sobre os logros durante a súa etapa como voceiro.

Comentarios