Parlamento

Besteiro pide á Xunta a gratuidade das autoestradas autonómicas: AG-55 e AG-57

O PSdeG reclama "coherencia" coa petición na AP-9.
José Ramón Gómez Besteiro, esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, esta cuarta feira, no Parlamento. (Foto: Arxina)

O secretario xeral e portavoz parlamentaria do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou esta cuarta feira o presidente da Xunta da Galiza a que, "ademais de pedir a gratuidade da AP-9 e da A-53", levante as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica: AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor). Besteiro fixo a petición a Alfonso Rueda na sesión de control, indicando que "fariamos un fraco favor se estivéramos pedindo cousas en Madrid e non estivéramos dispostos a facelas na Galiza".

O líder do PSdeG tamén emprazou o presidente da Xunta a convocar a Comisión Mixta de Transferencias para pedir a titularidade da AP-9 en paralelo ao proceso lexislativo iniciado esta terza feira no Congreso.

Besteiro retrucoulle ao titular da Xunta lembrando que “non podo facer o seu traballo, aínda que me gustaría”, logo de que aquel pretendese que fose Besteiro quen acadase a gratuidade das autoestradas.

O líder do PSdeG pediulle a Rueda “menos festa e máis traballo” xa que, explicou, “non podo facer o que lle toca a vostede salvo que renuncie e me invista como presidente”, e engadiu que, nese caso, “investiría máis en sanidade e educación, e iso non lle ía gustar”.

Alfonso Rueda, pola súa parte, anticipou a súa intención de expor a gratuidade da Autoestrada do Atlántico cando se reúna co xefe do Executivo español, Pedro Sánchez e convidou a Besteiro a acompañalo para facer esa reivindicación. "Se o conseguimos, serei o primeiro en aplaudilo. Se quere vir comigo e conseguímolo entre os dous, e tamén se despois quere vir aquí e dar un bico a unha cabina de peaxe, eu aplaudireino", manifestou Rueda.

En galego

Besteiro iniciou a súa intervención lamentando que Rueda non estivese a terza feira no Congreso na toma de consideración  traspaso da AP-9. "Podería ver Alberto Pazos [representante polo PP da delegación do Parlamento da Galiza) falando galego no Congreso, algo contra o que vostedes votaron".

Comentarios