O PP aproba unha lei que permitiría usos mineiros e eólicos en zonas hoxe prohibidas

Se a segunda feira o Consello da Xunta aprobou unha proposta lexislativa para reducir os criterios de protección ambiental nos proxectos empresariais, esta terza foi o Parlamento da Galiza, cos votos a favor do PP, quen admitía unha proposición de lei que abre espazos até agora prohibidos a enerxéticas e a mineiras.

Lourenzá
photo_camera María Jesús Lourenzá, esta terza feira no Parlamento, antes de presentar a Lei dos recursos naturais da Galiza. (Foto: Arxina).

O Parlamento da Galiza admitiu esta terza feira a trámite a proposición de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais da Galiza. A norma impulsada polo Goberno galego contou cos votos favorábeis dos deputados e deputadas do Partido Popular, foi rexeitada polos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG e recibiu a abstención do representante de Democracia Ourensá, Armando Oxea. A iniciativa foi presentada pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, como “un proxecto de lei único”, porque “chegou o momento de reindustrializar sobre as enerxías verdes”.

O proxecto lexislativo estabelece profundas modificacións na regulación das enerxías renovábeis, da minaría e da concesión de augas para as iniciativas empresariais. Así, determina a consideracións dos proxectos eólicos como de “especial interese público”, o que permitirá o emprazamento destas instalación fora das áreas autorizadas no Plan sectorial eólico da Galiza de outubro de 1997. Na mesma dirección, fixa “o interese público” para a concesión de augas a aquelas instalacións industrias “que inclúan beneficios sociais e económicos”, unha disposición que o movemento ecoloxista considera pensada para favorecer o proxecto de Altri en Palas de Rei, na Ulloa.

Os dereitos mineiros

A proposta legal do Goberno galego facilita os trámites a concesións de licenzas para as actividades mineiras. Neste sentido, supedita a aplicación da normativa ambiental “á valoración dos beneficios sociais e económicos deses proxectos”, o que posibilitará a súa autorización en áreas actualmente prohibidas para estes usos. O texto enmárcase nunha serie de decisións adoptadas pola Administración galega nas últimas semanas, onde destacan os acordos do Consello da Xunta para estudar a regularización de 200 concesións mineiras consideradas caducadas e a declaración da Mina de Cobre San Rafael en Touro e O Pino, na comarca de Arzúa, como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).

Recursos da Galiza

O texto lexislativo dá respaldo normativo á sociedade Recursos da Galiza, constituída o pasado mes de novembro. A mercantil está participada polo Goberno galego e conta no seu capital con máis de 30 sociedades, sendo a súa razón social a participación "en proxectos de xeración de enerxías verdes, de aproveitamento da riqueza mineira ou iniciativas que requiran concesións de augas". 30% do capital da compañía corresponde ao  Goberno galego, repartíndose o resto das participacións empresariais empresas como Abanca, Finsa, Ence, Megasa, Copasa, Gesuga, Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi ou Grupo Lucasiñas.

A conselleira defendeu esta terza feira a norma porque “nun momento crucial non podemos fechar os ollos, ou bloqueamos o futuro ou avanzamos nunha Galiza verde e enerxeticamente autónoma”. A este respecto, asegurou que “con esta lei Galiza liderará o aproveitamento dos recursos naturais”,  cualificouna de “absolutamente garantista” e sinalou que busca “favorecer” a implantación de iniciativas empresariais desde unha perspectiva "beneficiosa" para a sociedade galega. Neste punto, manifestou que “temos o dereito e, sobre todo, o deber de coidar da Galiza e dos seus recursos; e de facelo aproveitando isto para os galegos".

"Entregar Galiza como colonia enerxética”

A parlamentaria nacionalista Noa Presas denunciou que a norma “non soluciona os retos económicos e industriais da Galiza”, afonda "no espolio e descontrol dos eólicos e non hai referencia á fragmentación destes proxectos”. Na mesma orientación, criticou que “aumenta a discrecionalidade do Consello da Xunta” para aprobar concesións mineiras, eólicas e de augas e fai “saltar polos aires a Lei da minaría para que a Galiza sexa un territorio de sacrifico”. Nesta liña, acusou o Executivo galego de actuar “ao servizo dos grandes intereses económicos” e de “entregar Galiza como colonia enerxética”.

A deputada socialista Patricia Igrexas explicou na defensa dunha emenda á totalidade do seu grupo que “oxalá non convertamos esta lei nunha oportunidade perdida. Esta lei ten unha cousa boa e outra mala. A boa é o título porque evidentemente necesitamos regular os recursos naturais da Galiza e apostar polas renovábeis. O malo é todo o demais". Nesta dirección, criticou “a falta de planificación” do Goberno galego" e reclamou unha ordenación do territorio que determine “onde se poden instalar as renovábeis ou as minas”.

O ditame do CES

A negativa da Xunta a aceptar as recomendacións recollidas no ditame á lei do Consello Económico e Social (CES) da Galiza foi un eixo chave da discusión. Presas (BNG) e Igrexas (PSdeG) criticaron o Goberno galego por rexeitar as propostas do CES, que entre outras cuestións reclamaba “a creación dunha empresa pública galega de enerxía” ou que aquelas compañías que pretendan ser beneficiarias de concesións para explotar os recursos eólicos, hídricos ou mineiros do país "deberán ter sede social e fiscal na Galiza, facendo fronte ao pagamento de todos os tributos na Galiza". A este respecto, Presas dixo que o BNG presentará como emendas parciais as reclamacións do CES

Os populares rexeitan crear unha empresa galega pública de enerxía

O grupo parlamentario do Partido Popular rexeitou esta terza feira no Parlamento cos seus votos unha proposición de lei do Bloque Nacionalista Galego que reclamaba a posta en marcha dunha empresa galega pública de enerxía. A iniciativa foi defendida polo parlamentario nacionalista Xosé Manuel Golpe, que denunciou que “os galegos e as galegas poñen o vento, sacrifican a súa terra e o seu modo de vida a cambio de nada”. Nesa liña, apostou por “unha empresa pública de enerxía para participar activamente no desenvolvemento de proxectos renovábeis, dando prioridade á sustentabilidade ambiental, cultural e paisaxística”.

A proposta contou co apoio do grupo socialista e do parlamentario de Democracia Ourensá, Armando Oxea. Así a voceira socialista, Patricia Igrexas, defendeu esta lei por considerar necesaria unha empresa 100% pública pero discrepou do contido da mesma. Pola súa parte, Oxea afirmou que considerando que a enerxía é un ben público debe estar en xeral xestionado polas administracións.

O voceiro de Industria do Partido Popular, Rubén Lourenzo, indicou que a proposta do BNG “é unha chapuza porque na seu maior parte é unha norma en branco, baleira de contido e con simples remisións á normativa de aplicación". Na mesma orientación, apuntou que “no BNG son especialistas en discursos simplistas, facendo ver á cidadanía que todo se arranxa con soberanismo independentista e o autogoberno, indo ao contraxeito no mundo que cada vez máis debe ser pensando dunha forma global".

Comentarios