A economía galega e a loita contra o "rol colonial" do país, a debate en 'Nós Diario'

Este sábado agasallamos o caderno 'Situación e oportunidades da economía galega', que recompila as achegas de doce autores e autoras especializados en diferentes áreas económicas do país nas recentes xornadas organizadas pola Agrupación Cultural O Galo.
Intervención de Manuel da Cal durante as xornadas organizadas pola AC O Galo. (Foto: Arxina)
photo_camera Intervención de Manuel da Cal durante as xornadas organizadas pola AC O Galo. (Foto: Arxina)

Este sábado o xornal Nós Diario virá acompañado, ao prezo de sempre de 3,20 euros, non só do semanario Sermos Galiza, senón tamén do caderno especial Situación e oportunidades da economía galega, que recolle as achegas de doce autores e autoras especializados en diferentes áreas económicas do país nas xornadas organizadas pola Agrupación Cultural O Galo en febreiro.

Unha ducia de autores e autoras especializadas en diferentes ámbitos e sectores produtivos da economía do país analizan os retos e desafíos que afrontamos de cara aos vindeiros anos, nun caderno coordinado polo responsábel da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal. En conversa con este diario, salienta desta publicación que analiza en detalle aqueles sectores nos que Galiza destaca e "é unha potencia", tanto a nivel estatal como europeo, como pode ser o caso do lácteo, que Da Cal coñece ben.

E o principal problema deste piar do sector primario galego radica, asegura Da Cal, no "rol colonial" que lle toca xogar á Galiza e que se exemplifica no feito de que é "un país produtor ao que lle falta transformar e dar valor a eses produtos primarios". No lácteo, Galiza é unha "potencia europea", salienta, mais a día de hoxe carece dunha industria "con músculo".

Como mostra disto pon o feito de que as gandeiras e gandeiros galegos sexan quen máis volume de leite achegan ao sector en todo o Estado español mais, pola contra, os que menos cobran por ese leite. "Un gandeiro de Ribadeo (A Mariña) recibe tres ou catro céntimos menos que outro de Vegadeo (Asturias), que está do outro lado da ría. Cal é a diferenza? Que o asturiano é cooperativista da Central Lechera Asturiana. Aquí temos dúas grandes empresas, unha cooperativa (CLUN) e unha privada (Lence). CLUN podería facer algo dese estilo, mais non o fai. E, ademais, quen domina o mercado é quen impón os prezos, e neste caso é a francesa Lactalis", lamenta.

Esta cuestión é, a ollos de Manuel da Cal, extrapolábel a outros sectores produtivos que tamén protagonizan este caderno, como o pesqueiro ou, máis claramente, di, o enerxético. No caso da pesca, cre que non chega a fecharse de todo "o ciclo produtivo" e que, se ven si "vemos unha industria ligada á produción", vai entrando cada vez máis o "capital foráneo".

E no tocante á produción de enerxía, nomeadamente de orixe renovábel, o coordinador xeral da Fruga percibe tamén un "décifit industrial moi grande". Da Cal entende que a transición enerxética non debe producirse "en prexuízo das clases populares" a través de "compañías multinacionais que non deixan ningún retorno".

Comentarios