O Eixo Atlántico asegura que Portugal prioriza o tren á Galiza sobre a conexión Madrid-Lisboa: a votación en Bruxelas "non cambia nada"

Segundo asegurou o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, a 'Nós Diario', o Goberno luso segue mantendo o seu compromiso para conectar a Galiza con Lisboa de cara a 2030-2033.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao (Foto: Europa Press).
photo_camera O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao (Foto: Europa Press).

Segundo asegurou o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, a Nós Diario, en base ás súas conversas co novo Executivo portugués liderado por Luís Montenegro, o Goberno luso segue mantendo o seu compromiso para conectar a Galiza con Lisboa a través da alta velocidade ferroviaria. 

Sobre a aprobación que o Pleno do Parlamento Europeo deu á revisión da Rede transeuropea de transporte (RTE-T), Vázquez Mao asegura que "non cambia nada" e que se trata simplemente da "corroboración dunha planificación xa existente".

"No seu momento houbo unha presión moi forte de José María Aznar (presidente do Goberno español) sobre José Socrates (primeiro ministro portugués) para cambiar as prioridades, mais coa chegada do seu sucesor no Goberno luso, António Costa, a Galiza volveu ser a prioridade, unha posición que agora mantén Montenegro", afirma.

O secretario xeral do Eixo Atlántico afirma que a conexión coa Galiza traza "a columna vertebral" de Portugal e que por este motivo supón "unha prioridade" para o Executivo luso sobre a construción da liña ferroviaria entre Lisboa e Madrid.

"O plan é que a alta velocidade entre Vigo e Braga estea rematada en 2030, e a liña de altas prestacións ao completo até o Porto, pasando polo aeroporto Sá Carneiro prevese para o 2033", conclúe Vázquez Mao.

"Fundamental para o país"

Neste sentido, o portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, defendeu onte que a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto sexa unha realidade en 2030 xa que "é estratéxica e fundamental para a vertebración do noso país".

Comentarios