Sesión de investidura

Besteiro reivindica unha "Galiza protagonista" e propón cinco acordos de país para "avanzar"

O socialista afirma que "entre Galiza e o PSOE" non dubidará en elixir "Galiza e os intereses dos galegos e galegas".
O portavoz do PSdeG no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz do PSdeG no Parlamento, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou durante a súa intervención no debate de investidura unha "Galiza protagonista", para o que propuxo cinco acordos de país en vivenda, sanidade, economía, impulso do galego e financiamento local para "avanzar" e "paliar os déficit".

O socialista, que volveu sinalar que a súa formación votará en contra da invesditura de Rueda, arrincou esta quinta feira o seu discurso cunha "radiografía da Galiza real" ao describir as dificultades coas que se atopa no seu día a día unha parella de 30 anos, cunha filla menor, en asuntos como a vivenda, a sanidade, e a conciliación.

Para paliar as carencias e materializar os avances necesarios para mellorar a vida dos galegos e lograr a "Galiza que verdadeiramente pode ser", propuxo estes acordos sobre os que, salientou, virarán as prioridades dos socialistas na XII Lexislatura.

Tamén preguntou a Rueda "para que quere ser presidente" e subliñoulle que Galiza "merece un presidente e un goberno con ambición de construír país". "Cando un partido como o seu leva 15 anos gobernando, as competencias exércense e amplíanse se hai verdadeira ambición de país", dixo.

"Non teña dúbida de que discreparemos co Goberno do Estado cando creamos que esa crítica está xustificada", apuntou Besteiro, que sinalou que "entre Galiza e o PSOE" non dubidará en elixir "Galiza e os intereses dos galegos e galegas".

O portavoz parlamentario e xefe de filas do PSdeG, que regresou á política en 2023 tras permanecer case oito anos apartado por unhas investigacións xudiciais que quedaron arquivadas e coa xuíza das causas apartada por dilacións indebidas, Besteiro aproveitou a súa intervención no hemiciclo para reivindicar unha política "vigorosa, pero limpa". "Sei do que falo cando lles digo que nada xustifica nin nada valida tentar destruír a vida dunha persoa por un obxectivo político", sostivo.

Comentarios