O BNG acusa o Executivo galego de "pór unha alfombra vermella" a Altri

A viceportavoz nacionaoista na Cámara,Olalla Rodil, considera que a Xunta xa ten tomada a decisión
La conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez

XUNTA DE GALICIA / Europa Press
25/9/2024
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, onte no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, afirmou esta cuarta feira que á Xunta da Galiza "impórtalle un pemento o que vaian dicir os informes técnicos [sobre Altri]", ao considerar que ten unha decisión xa tomada.

Así o fixo Rodil nunha interpelación á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na que lle reprochou que a Xunta diga que o BNG "quere que a xente sexa máis pobre" polo seu rexeitamento á iniciativa de Altri. "Como vai ser pobre este país. Non somos pobres, nin Altri é quen nos vai traer riqueza", sentenciou a deputada en referencia, entre outras cuestións, ás explotacións gandeiras da zona.

"Vostedes decidiron arrastrar toda a comarca [da Ulloa] para pór a alfombra vermella a unha multinacional que non pode instalar en Portugal esta megacelulosa", aseverou a deputada nacionalista, que volveu falar dunha "auténtica bomba ambiental no corazón da Galiza".

En resposta ás referencias aos informes técnicos, Vázquez dixo interpretar que o grupo do BNG acusa o Goberno galego de estar "mangoneando" o funcionariado. Ademais, a responsábel de Medio Ambiente mencionou o informe do Consello da Cultura Galega que, sobre as emisións gasosas, di que "non están analizadas" todas as que exixe a normativa e a recente xurisprudencia comunitaria (partículas finas PM2,5, dióxido de carbono, monóxido de carbono e compostos orgánicos volátiles). "Si están analizadas. Igual  fixeron o encargo a alguén que quería dicir que a Xunta non o fixera", sinalou a conselleira.

Neste sentido, a titular de Medio Ambiente indicou que ve "moita opinión" sobre o eventual impacto da fábrica de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) máis aló dos "xuízos técnicos que se emitan", os cales serán, segundo afirmou, os que guiarán o "pronunciamento final" da Xunta sobre a autorización.

Para finalizar o debate sobre Altri, Vázquez optou por tirar de retranca e pediu á formación nacionalista que explique "que proxectos queren para Galiza que vaian máis aló dos arados, os carros e as corredoiras".

Comentarios