O BNG exixe o cumprimento "íntegro" do acordo de investidura co PSOE, "mesmo cos orzamentos prorrogados"

Na xuntanza de seguimento BNG-PSOE para avaliar as actuacións pactadas, ambas organizacións coinciden en que "son compromisos firmes, que seguen vixentes e que se van executar nos termos acordados".
Encontro entre representantes de BNG e PSOE, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro entre representantes de BNG e PSOE, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

A comisión de seguimento do acordo para a investidura de Pedro Sánchez subscrito entre o BNG e o PSOE reuniuse novamente esta cuarta feira e valorou "positivamente" que algunhas das medidas pactadas xa se executasen ou estean en tramitación, pero a formación nacionalista defendeu que cos orzamentos prorrogados "é posíbel" executar a "maioría dos compromisos".

Así o notificou após a xuntanza a delegación do BNG, formada por Néstor Rego, Carme da Silva e Rubén Cela, e anunciou tamén que seguirá "sendo exixente" no cumprimento das actuacións pactadas para a investidura. O obxectivo deste encontro era avaliar o estado de execución das medidas recollidas no pacto, especialmente tras a decisión do Goberno estatal de renunciar a tramitar os orzamentos do Estado de 2024.

Desta forma, ambas as organización coincidiron na vixencia do acordo e en que continúe avanzando a súa execución. "Cos orzamentos prorrogados neste 2024 a inmensa maioría das actuacións asinadas poden realizarse, porque existe marxe para facelo. A prórroga dos orzamentos non é ningún impedimento para cumprir as actuacións previstas. Hai mecanismos e instrumentos suficientes nas contas do Estado para facelo", sinalaron desde o Bloque.

Tanto nacionalistas como socialistas coincidiron en que o recolleito no acordos de investidura son "compromisos firmes", que "seguen vixentes" e que se "van cumprir nos termos acordados". Con todo, a formación nacionalista advertiu que velará por "garantir o cumprimento integro" das medidas acordadas.

Actuacións para 2024

A delegación do BNG avaliou "positivamente" a materialización dalgunha das medidas recollidas no acordo, como as bonificacións no transporte colectivo ou o aumento do financiamiento para a construción da nova depuradora de Santiago, entre outras actuacións.

Do mesmo xeito, constatouse a "vontade" do Goberno do Estado de avanzar na "mellora, modernización e electrificación" da rede ferroviaria galega, coa tramitación dos estudos operativos e informativos previstos, así como no "compromiso existente" de impulsar o estudo para a implantación do servizo de proximidades ferroviarias en Galicia, a empezar polos tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.

Comentarios