O BNG exixe revisar as "tarifas abusivas" dos trens Alvia á Galiza

A forza nacionalista tamén demanda garantir a permanencia dos actuais horarios coa chegada dos trens Avril.
Carme da Silva e Néstor Rego (Foto: Europa Press).
photo_camera Carme da Silva e Néstor Rego (Foto: Europa Press).

O portavoz do BNG no Congreso español, Néstor Rego, e a senadora nacionalista, Carme da Silva, presentaron senllas iniciativas parlamentarias para reclamar a Renfe que revise canto antes as "abusivas tarifas" dos trens Alvia á Galiza.

Así o sinalou o Bloque nun comunicado, no que asegura que estes prezos "experimentaron uns incrementos desmesurados" nos días de Semana Santa e nas fins de semana, "sobre todo despois de que non se puxesen en venda os billetes para os Avril".

Así mesmo, dirixiron numerosas preguntas ao Ministerio español de Transportes para saber cando estarán operativos os trens Avril, a que se debe o novo atraso, canto unidades van destinar á Galiza e se estes trens pasaron todas as fases de control de seguridade estabelecidas con éxito.

O BNG, que incide na importancia de que os novos modelos cumpran todos os requisitos de seguridade, denuncia que Renfe non cumpre co principio de informar as persoas usuarias con suficiente tempo da programación horaria dos trens. "Aínda non puxo en venda os trens para abril", indicou.

"A información previa é inexistente e os usuarios e usuarias non poden organizarse. Os billetes póñense á venda con moi pouco tempo, como os de marzo, e por encima cos prezos dos máis caros do Estado", censura o Bloque, que tamén lamenta que Renfe lanzase ofertas para moitos sitios durante a Semana Santa, excepto para a Galiza.

Garantir a permanencia dos actuais horarios

En relación aos trens da serie 106, o BNG pide ao Ministerio que informe da planificación e detalle o número de frecuencias, a política tarifaria e que poña ao dispor os suficientes maquinistas. Así mesmo, o BNG exixe que o departamento explique se garante o mantemento das actuais frecuencias ferroviarias, sen eliminar nin variar nada, unha vez que entren en servizo os Avril.

"Vai deseñar unha programación complementaria entre os distintos servizos ferroviarios?", preguntou o Bloque, que cuestiona tamén ao Goberno estatal sobre se pode asegurar que os novos horarios non van interferir cos existentes e se considera pertinente que se manteñan os trens que fan de lanzadeira a Ourense.

Os nacionalistas tamén propoñen que se aproveiten as máximas potencialidades dos novos trens de forma que sirvan para reforzar as frecuencias dos servizos nos horarios de maior demanda do Eixo Atlántico ferroviario nas quendas de primeira hora, mañá, mediodía e tarde.

Para o BNG, "incrementar as frecuencias diarias con Madrid non pode ser o único obxectivo". "É imprescindíbel facer unha planificación que redunde na mellora dos servizos na Galiza, en tanto se espera á implantación dos servizos de proximidade comprometidos polo Goberno co BNG", apunta.

O Goberno estatal négase a compensa Galiza polos atrasos

Pola súa parte, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, descartou compensar á Galiza polo atraso na posta en marcha dos trens Avril, alegando que máis aló do "dano moral", non detecta "exactamente cal é o dano real" e apuntando que a reclamación de danos e prexuízos a Talgo faise desde o Executivo estatal como parte "dun contrato".

Comentarios