O BNG urxe ao Estado executar obras de reforma e mellora no Instituto de Oceanografía de Vigo

Carme da Silva lembra que "a deterioración e o mal estado das dependencias" do IEO é "motivo de preocupación desde hai moito tempo".
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para resposta escrita por parte do Goberno estatal en relación ao "estado actual de deterioración e os problemas estruturais" do Instituto de Oceanografía de Vigo (IEO).

En concreto, Da Silva quere saber como se atopa o proxecto de rehabilitación do centro e a construción da nova planta de cultivo, así como se o Executivo está disposto a "priorizar e axilizar as obras", e solucionar "de forma urxente" o "mal estado do centro, que mesmo está a comprometer a seguridade do persoal".

"Consideramos que non se pode demorar nin aprazar máis esta actuación ante o estado de abandono e de ruína" do centro, denuncia a senadora do Bloque, que lembra que "a deterioración e o mal estado das dependencias do IEO é motivo de preocupación desde hai moito tempo", especialmente por parte do persoal do centro, "que ve ameazada a súa seguridade cando acoden a diario ao desempeño da súa actividade".

"Están a verse obrigados a traballar no salón de actos, levar casco nunha das dependencias debido á caída de cascallos e soportar un aire viciado, debido a que non funcionan os sistemas de ventilación", exemplifica.

A mediados de febreiro de 2023, o BNG xa rexistrara no Congreso iniciativas para a súa contestación por escrito. Naquel momento, o Ministerio sinalaba que ao longo de 2023 faría o estudo estrutural dos edificios de cultivo e edificio principal do IEO en Vigo, ademais dos estudos topográficos e xeotécnicos e unha auditoría das instalacións do edificio principal.

"Con todo, aínda non se licitou o proxecto para demoler a planta de cultivo, e está pendente a redacción do proxecto de rehabilitación do edificio principal e a construción da nova planta", lamenta Da Silva.

Comentarios