O BNG lamenta que a nova conselleira do Medio Rural intente culpar a cidadanía dos incendios

A nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asegurou que os incendios "probablemente son intencionados" e que esta é unha cuestión que "vai no ADN da Galiza".
A deputada do BNG, Montse Valcárcel (Foto: USC).
photo_camera A deputada do BNG, Montse Valcárcel (Foto: USC).

A deputada do BNG, Montserrat Valcárcel, lamentou as declaracións da nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que nunha valoración sobre os incendios forestais rexistrados estes días asegurou que "probablemente son intencionados" e que esta é unha cuestión que "vai no ADN da Galiza".

"Entendemos que semellante afirmación non foi ben meditada, porque está insinuando que os galegos e as galegas somos persoas potencialmente pirómanas", argumentou Valcárcel. Neste sentido, a deputada reclamou á conselleira "maior prudencia cun tema tan serio" como os incendios.

Ademais, tamén lembrou ao respecto que ser pirómano implica ter un problema de saúde mental, e por iso reclamou aos membros do Goberno do PP que apliquen nas súas declaracións "o mesmo sentidiño que constantemente piden á poboación galega".

A responsábel da secretaría de Monte e Industrias Forestais do Goberno alternativo do BNG -pensado para controlar ao Executivo do PP e facer propostas en favor do País- considerou, por outra parte, que se de verdade á conselleira lle preocupan os incendios forestais debería manifestarse en contra de que unha empresa como Altri, "que se abastece da especie máis pirofítica que existe, o eucalipto", se instale en Palas de Rei (A Ulloa), o que suporía "unha auténtica bomba ambiental no corazón da Galiza".

Políticas contra os incendios

Valcárcel emprazou á nova conselleira a aplicar as políticas que realmente precisa o país para loitar contra os incendios forestais, como habilitar brigadas e medios suficientes en cada área, algo que a nacionalista salientou como as medidas máis importantes neste eido.

A deputada tamén apostou por actuacións contra o cambio climático e para favorecer a protección do solo, así como por máis traballos de prevención que axuden a ter o monte limpo. "O que en ningún caso precisamos é que se nos xulgue a todos os galegos e galegas como culpables da situación", concluíu a representante do Bloque Nacionalista Galego.

Comentarios