Ourense

O BNG, sobre a moción a Xácome: "Este tren non volve pasar; ou é agora, ou non será"

Desde o Grupo municipal nacionalista insisten na necesidade de non xerar “falsas expectativas” e de non “facer perder o tempo á xente”. Reiteran que a súa “única condición é que o candidato ou candidata sexa do PsdeG” e non se opoñen a que o PP forme parte do futuro Goberno Local

Xosé Manuel Puga, Erea Blanco, Luís Seara, Rhut Reza
photo_camera Xosé Manuel Puga, Erea Blanco, Luís Seara, Rhut Reza (Foto: Nós Diario)

O grupo municipal do BNG en Ourense, Luís Seara, Rhut Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco, compareceron esta sexta feira para reiterar “a plena disposición do BNG a que a moción de censura sexa unha realidade, se pode ser mañá, mellor que dentro de dous días”, motivo polo cal na reunión da quinta feira con PSdeG e PP os nacionalistas entregaron un documento proposta de moción de censura coa sinatura número catorce: “Faltan as trece restantes, sete do PP e seis do PSOE, se asinan, en once días Gonzalo Pérez Xácome deixa de ser Alcalde”.

O portavoz municipal, Luís Seara, afirmou que “se algo demostrou o BNG nesta segunda reunión foi responsabilidade, coherencia e xenerosidade. Responsabilidade porque somos plenamente conscientes da situación pola que está a atravesar o noso Concello”.

“A prioridade neste momento é sacar a Xácome da Alcaldía. Cada minuto que pasa é un minuto máis de sufrimento para maioría social e de degradación institucional para o noso Concello. Por iso, nós antepomos os intereses da maioría social de Ourense aos intereses partidarios. Imos agardar un tempo prudencial mais non eternamente”, e engadiu: “Que quede claro, este tren non volve pasar, ou é agora, ou non será”.

Outras das cuestións que quixeron deixar claro desde o BNG é que “tampouco nos imos pór de perfil para falar e acordar sobre aquelas cuestións e proxectos que sexan beneficiosos para Ourense. Se o fixemos con Xácome, canto máis co novo Goberno”.

Desde a formación nacionalista insisten en que o “prioritario neste momento é o rexistro da moción de censura a cal ten que incorporar si ou si un candidato á Alcaldía, polo tanto e en contra do que di o PP, non é que soamente falemos de nomes senón que é condición indispensábel para que a moción prospere acordar quen será o futuro alcalde ou alcaldesa, reiterando que para nós a única condición é que sexa socialista”.

Seara afirma que “unha vez formalicemos a moción de censura e o Concello teña un novo alcalde ou alcaldesa, corresponderalle a el ou ela a conformación do novo Goberno, nese momento sentarémonos e falaremos de todo o que sexa necesario, tendo claro que se é decisión do PSdeG que o PP forme parte dese novo Goberno, para o BNG non será ningún impedimento”.

Comentarios