VÍDEO NO INTERIOR

Nidia Arévalo afea a un senador socialista unha multa por alcolemia... e o BNG lembra que ela foi sancionada polo mesmo motivo

"O refraneiro galego é sabio: 'Fai ou que o crego dixer, e non o que el fixer'. Non fagas como a senadora Arévalo. Se bebes, non conduzas", replicou a agrupación nacionalista de Mos.
A senadora do PP e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
photo_camera A senadora do PP e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

A intervención da alcaldesa popular de Mos (comarca de Vigo) e senadora, Nidia Arévalo, esta cuarta feira, nunha sesión na que se dirixiu ao senador socialista Alfonso Moscoso para espetarlle un "se bebes non conduzas" —en alusión a unha sanción que se lle impuxo por conducir baixo os efectos do alcol— suscitou a reacción do BNG local, que lembrou en redes sociais que a propia Arévalo foi multada por conducir cunha taxa de alcolemia superior á permitida no ano 2008.

Nidia Arévalo interveu no pleno do Senado para defender a acción política das entidades locais e para afear ao Goberno estatal a súa "minusvaloración" dos alcaldes e concelleiros. Nada máis tomar a palabra, algo que fixo xusto a continuación de Moscoso, a senadora do PP pronunciou o soado eslogan dun anuncio da DXT dos anos 80 protagonizado por Stevie Wonder. "Senador Moscoso, lembre, 'se bebes, non conduzas'. Aí o deixo", proclamou Arévalo, cuxa manifestación foi recibida por aplausos da bancada popular e apupos dos socialistas.

Pouco despois, na rede social X (antes Twitter), o BNG de Mos publicaba un vídeo coas palabras da senadora e alcaldesa, e cun titular dun períodico sobreimpreso no que se informaba de que Nidia Arévalo fora multada en 2008, poucos meses antes de acceder á Alcaldía mediante unha moción de censura, por superar a taxa de alcol ao volante —multa de 600 euros e retirada de 6 puntos do carné—.

No seu chío as nacionalistas deixaban tamén unha mensaxe, tirando de ironía: "O refraneiro galego é sabio: 'Fai ou que o crego dixer, e non o que el fixer'. Non fagas como a senadora Arévalo. Se bebes, non conduzas".

"Malas formas e crispación" en Mos

Por outra parte, o Bloque mosense tamén denunciou que a rexedora pretende trasladar ao ámbito municipal a "estratexia de crispación" do PP a nivel estatal, en alusión ás palabras da alcaldesa no último pleno, no que se dirixiu ao portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, varias veces, chamándoo "caradura", o que motivou que este abandonase a sesión.

Barcia afirmou que as "malas formas" de Nidia Arévalo "non son unha novidade", pero o seu discurso volveuse "particularmente hostil contra a oposición desde que ocupa un posto no Senado". O edil nacionalista puxo outros exemplos da "actitude irrespectuosa" da alcaldesa e chamou a "non entrar no xogo sucio do PP estatal", á vez que manifestou a súa sospeita de que Arévalo pretende utilizar os plenos de Mos "como unha simple plataforma de promoción persoal para as súas ambicións dentro do partido".

Comentarios