O BNG quere "marcar parte do ritmo" do Goberno galego desde a oposición

A portavoz nacionalista declarou nunha entrevista que farán unha oposición "seria, rigorosa", na que "poñan por diante" a defensa da Galiza
Alfonso Rueda e Ana Pontón, esta quinta feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón, esta quinta feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz do BNG, Ana Pontón, indicou que farán unha oposición con "moitísima humildade", pero tamén "moita intensidade", posto que queren ser capaces de "marcar parte do ritmo" do Goberno galego desde a oposición.

Así o indicou nunha entrevista á Cadena SER na que volveu a tender a man a Rueda para "defender" os intereses da Galiza ante o Estado e propúxolle manter unha reunión. "De momento non recibín resposta, pero eu  insistín en que sempre que me se me convoque, estarei alí", remarcou.

Pontón incidiu en que farán unha oposición "seria, rigorosa", na que "poñan por diante" a defensa da Galiza, posto que teñen "importantes retos por diante".

Un deses retos, proseguiu, "é a industrialización", pero "preocúpalle" que o PPdeG "confunda" industrializar "con contaminar" e puxo como exemplo a fábrica que Altri quere instalar na Galiza. "Unha bomba ambiental no corazón deste país", argumentou.

"A Xunta mentiu aos cidadáns e mentiu ao Parlamento", apuntou Pontón ao tempo que indicou que a "única información" que lles trasladou o Executivo galego falaba da creación dunha fábrica de fibra téxtil.

Porén, unha vez que o proxecto foi público no Diario Oficial da Galiza, tras as eleccións, o que se coñece é que "é unha macrocelulosa".

"Penso que é moi grave que a Xunta mentise porque na única reunión que tiven con Rueda na pasada lexislatura, prometeu enviarme toda a documentación sobre Altri ao Parlamento. Seguimos agardando", lamentou Pontón.

 

"Pór os problemas do país por diante 

Así mesmo, cuestionada por se lle preocupa que Rueda se consolide, Pontón afirmou que o que lle preocupa a ela é a sanidade, que a mocidade "non teña posibilidade de emanciparse" e como o talento "se fuga".

"Creo que estamos nun momento no que hai que antepoñer os problemas do país e o que vexo é que o goberno de Rueda é refén da estratexia de Madrid, e creo que sería importante que non caese no absolutismo", dixo.

Preguntada sobre o que lle pareceu o cambio de día do consello da Xunta -de quintas a segundas feiras-, Pontón asegurou que "lle sorprendeu" que Rueda "imitase a Pedro Sánchez".

"Criticaron a Sánchez que cambiasee o Consello de Ministros das sextas ás terzas feiras martes e, agora, parece que a primeira decisión de Rueda é imitar a Sánchez. En todo caso, que non se repita esta política de venda de fume, pero sen iniciativas de calado", apostilou.

 

Consellería de Medio Rural

Sobre as palabras da nova Conselleira de Medio Rural que dixo que os incendios "están no ADN da Galiza", Pontón cualificou a frase de "absolutamente desafortunada e fóra de lugar".

"Creo que a conselleira está a comezar moi mal se esa é a súa intención. O que hai que facer é cambiar a política forestal porque se algo foi pirómano neste país é a política forestal que levou a cabo o goberno do PPdeG", afeou a portavoz da formación nacionalista.

Comentarios