O BNG solicitará ao Goberno estatal que "non ampare nin apoie" a instalación de Altri

"Vai o Goberno incluír o proxecto de macroplanta de celulosa de Altri en Palas de Rei nas axudas Perte de descarbonización industrial?" preguntará a senadora Da Silva ao ministro Hereu.
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario).

Durante a vindeira sesión de control ao Goberno español no Senado, a nacionalista Carme da Silva preguntará ao ministro de Industria, Jordi Hereu, se incluirá o proxecto da macrocelulosa que se pretende instalar en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, nas axudas dos fondos europeos do plan estratéxico de recuperación e transformación da economía (Perte) de descarbonización, tal e como require a empresa lusa Altri.

O BNG lembrará ao Goberno do Estado español que "este proxecto incumpre os requisitos estabelecidos para a percepción destes fondos" e alertará das "graves afectacións ambientais e socioeconómicas que supón a instalación deste proxecto".

"Vai o Goberno incluír o proxecto de macroplanta de celulosa de Altri en Palas de Rei nas axudas Perte de descarbonización industrial?" será a pregunta que formulará a senadora do BNG, Carme da Silva, a Jordi Hereu, ministro de Industria.

A carteira do Executivo do Estado encargada de decidir a que proxectos se entregan as axudas dos fondos europeos "deberá dar a coñecer a posición do Goberno en relación a este proxecto" e mesmo se existe "algún tipo de compromiso por parte do Executivo para que a macrocelulosa poida acceder a estes fondos".

A senadora do BNG lembrará que unha das condicións que estabelece a empresa lusa para se instalar na Galiza é recibir entre 200 e 250 millóns de euros dos fondos europeos e, especificamente, quere acollerse as axudas do Perte de descarbonización.

"Os criterios estabelecidos para a percepción destas axudas deixan claro que só se poden financiar aqueles proxectos que contribúan a asentar economías máis sostíbeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixitais. O proxecto de Altri non o fai", denunciará Da Silva durante a sesión de control.

Ademais, o BNG entende que o Goberno estatal "non pode amparar nin apoiar o desenvolvemento de industrias que afecten negativamente ao medio ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso sustentábel dos recursos hídricos".

Tampouco, engade Carme da Silva, a un proxecto que "suporá a destrución do sector agrogandeiro nas comarcas do corazón do país, a destrución do río Ulla e que mesmo terá graves consecuencias na ría de Arousa, véndose afectado un sector tan importante como o marisqueiro".

De feito, continúa a senadora da Silva, "se o Goberno do Estado rexeita conceder á empresa lusa as axudas do Perte de descarbonización abriríase a posibilidade de que Altri retroceda nas súas pretensións de instalarse en Palas de Rei e, polo tanto, na Galiza".

Reindustrializar a Galiza e apostar polos sector estratéxicos

Por outra parte, a senadora do BNG sinala a importancia de aproveitar os fondos europeos para reindustrializar o país, mais que sexa un proceso "baseado en criterios de sustentabilidade e unha industrialización racional". "E si, queremos que os recursos do mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia –sobre todo do Perte de descarbonización- veñan para a Galiza mais a través de proxectos que, baseados nun modelo sostíbel, permitan fechar os ciclos produtivos no propio país", reivindica.

Paralelamente, o BNG fai unha aposta decidida por "un modelo que poña no centro o desenvolvemento socioeconómico das comarcas da Ulloa, Terras de Melide, de Arzúa e o propio Salnés". "Defendemos plans de dinamización que pulen polos sectores estratéxicos e a creación de postos de traballo de calidade: a través do desenvolvemento do sector primario, un plan integral para a mellora integral da calidade da auga e a rexeneración e reactivación da ría de Arousa", enfatiza da Silva.

Comentarios