Gonzalo Caballero chama a "relanzar o PSdeG" tras "catro trompazos electorais consecutivos"

"Quero un PSdeG forte e, na miña opinión, os dirixentes que nos levaron a tanto retroceso electoral e o peor resultado da historia nas autonómicas non son capaces de osixenar e impulsar o futuro", censura o ex dirixente socialista.
Encontro de Gonzalo Caballero con militantes socialistas da Galiza, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro de Gonzalo Caballero con militantes socialistas da Galiza, este sábado, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O que fora secretario xeral dos socialistas galegos entre 2017 e 20121, Gonzalo Caballero, fixo este sábado un chamamento ás bases do seu partido a mobilizarse para "relanzar o PSdeG" tras "catro trompazos electorais consecutivos en 2023 e 2024". Despois de manter un encontro en Santiago de Compostela con militantes de todo o país, Caballero lembrou que os resultados do PSdeG nas últimas galegas foron "peores que nos comicios anteriores", e tamén a evolución do socialismo galego foi "moito peor que a do Partido Socialista no conxunto do Estado".

"Quero un PSdeG forte e, na miña opinión, os dirixentes que nos levaron a tanto retroceso electoral e o peor resultado da historia nas autonómicas non son capaces de osixenar e impulsar o futuro", manifestou. O que fora tamén portavoz parlamentario da formación compartiu con militancia socialista que é o momento de que as bases se mobilicen e de abrir o partido a "unha nova etapa" para, deste modo, "relanzar o PSdeG" e conseguir que "volva crecer electoralmente".

Caballero asegurou que este encontro tamén serviu para profundar en que "é necesario afastarse" do exercicio de "autocompracencia e triunfalismo" que, ao seu xuízo, mostrou a dirección do PSdeG despois de cada "mal resultado electoral", así como para sinalar que "se require autocrítica e cambio".

"Temos que mostrar aos galegos e as galegas que entendemos a mensaxe que nos deron nas urnas e que somos capaces de ofrecer proxecto e propostas aos problemas da Galiza", defendeu Caballero, que subliñou que o que os move é "traballar polo benestar e o progreso da cidadanía" fronte ás políticas "regresivas" da dereita na Xunta da Galiza.

Pola contra, o ex líder socialista defendeu un PSdeG cun proxecto "de esquerdas, galeguista, ecoloxista e feminista" e cunha profunda "ética na esfera pública" que garanta "a exemplaridade dos cadros políticos".

Críticas a Besteiro e Formoso

Gonzalo Caballero xa cargara duramente contra o actual dirixente, José Ramón Gómez Besteiro, e o seu predecesor, Valentín González Formoso, após as eleccións europeas do pasado 9 de xuño. "O ciclo electoral 2023-24 é o peor da historia do PSdeG caendo en todas as eleccións. Con Formoso e Besteiro perdemos dúas cidades, unha deputación e 171 concelleiros e concelleiras en municipais; tres deputados e deputadas e un senador en estatais, e cinco parlamentarios e parlamentarias en autonómicas".

"O retroceso progresista e o ascenso das dereitas non nos gusta a quen defendemos políticas de benestar, igualdade e xustiza social. Non debemos conformarnos nin resignarnos. Toca entender a mensaxe e fortalecer o PSOE para avanzar na Galiza, no Estado español e en Europa", manifestara entón.

Comentarios