18-F

Gonzalo Caballero 'cae' da lista do PSdeG por Pontevedra, liderada pola ex ministra Elena Espinosa

Patricia Iglesias, letrada maior do Consello de Contas, encabeza a candidatura socialista pola Coruña.
Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A que fora ministra de Agricultura e de Medio Ambiente e concelleira de Vigo, Elena Espinosa, e o secretario local do PSOE na cidade olívica, Carlos López Font, encabezan a proposta do PSOE de Pontevedra para a candidatura coa que o partido se presentará ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro. Na lista abordada esta segunda feira polos socialistas figuran como números tres, catro, e cinco a pontevedresa Paloma Castro, o arousán Julio Torrado e a viguesa Leticia Gallego. As tres foron deputadas na lexislatura recentemente finalizada.

Deste modo, queda fóra o nome do ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, quen foi proposto na asemblea do PSOE de Vigo para encabezar a lista por esta circunscrición. Precisamente, sobre a ausencia do político vigués, fontes socialistas citadas pola axencia Europa Press sinalaron que hai un acordo entre os distintos niveis do partido para que finalmente non encabece a lista e quede fóra Caballero.

O pacto incluiría que nun futuro o político vigués ocupe outras responsabilidades no partido. Ademais, estas fontes tamén puxeron en valor o feito de que finalmente se optase por unha muller para encabezar a lista pola circunscrición, unha socialista que foi durante sete anos ministra de Agricultura baixo a presidencia de José Luís Rodríguez Zapatero.

O sexto posto ocúpao o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e a continuación figuran a viguesa Ana Costas, e o concelleiro de Ponteareas, Delfín Domínguez. A proposta do Comité Provincial de Pontevedra, na que fontes socialistas sinalan que non se prevé que haxa máis cambios por parte das instancias superiores do partido, xa foi elevada ao Comité Nacional de Listas e será aprobada esta terza feira polo Comité Nacional do PSdeG, antes de trasladala ao Comité Federal para a súa aprobación definitiva.

Ademais, nun comunicado remitido aos medios após a reunión da executiva provincial, o secretario xeral do PSOE de Pontevedra, David Regades, agradeceu a implicación da militancia e das agrupacións locais socialistas, que fixeron chegar as súas propostas de integrantes para a elaboración da candidatura, un proceso, dixo, que é "demostrativo da democracia interna do partido e do capital humano do PSdeG-PSOE".

"O resultado é que o PSOE vai pór a disposición dos electores e electoras desta provincia unha papeleta representativa da sociedade e recoñecíbel tanto polas caras como polo proxecto e configurada mesturando experiencia e renovación co obxectivo de impulsar ao futuro Goberno galego, o que terá que afrontar as grandes reformas que Galiza ten pendentes desde hai 14 anos", enfatizou.

O secretario xeral destacou que a provincia de Pontevedra volverá ser decisiva para o cambio na Xunta "demostrando a forza do socialismo neste territorio", como sucede en todas as citas electorais. "O PSdeG-PSOE é a única opción para un bo goberno na Galiza e esta proposta vai ter un fantástico resultado para facer a José Ramón Gómez Besteiro presidente", apuntou.

A Coruña

Pola súa parte, o PSOE provincial da Coruña proporá a letrada maior do Consello de Contas Patricia Iglesias e o ex reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, para ocupar os postos número un e dous da candidatura. Segundo confirmaron fontes socialistas consultadas por Europa Press, esta proposta será abordada na reunión que a dirección provincial do PSOE mantén tamén esta segunda feira.

Os nomes que saian das reunións provinciais terán que ver o visto e prace do Comité Nacional do PSdeG e da Comisión Fedal de listas. Da reunión que a executiva provincial mantén na tarde de hoxe sairán os outros nomes que figurarán na proposta provincial, entre os que se barallan o do secretario xeral do PSOE de Santiago, Aitor Bouza, e a até o de agora parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo.

Patricia Iglesias é letrada maior do Consello de Constas e Julio Abalde, que foi reitor da UDC, foi un dos relatores da Conferencia Política que o PSdeG celebrou en decembro en Santiago de Compostela, cita da que saíu o programa electoral do PSdeG.

Comentarios