CIS de abril: o PSOE recorta distancias cun PP que fica á cabeza e o BNG logra 0,8% dos votos

Sumar cae até pouco máis do 8% en estimación de voto e ao seu carón medra Podemos.
Estimación de voto do CIS de abril.
photo_camera Estimación de voto do CIS de abril.

O Barómetro de Opinión realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de abril mantén o PP na cabeza cunha estimación de voto de 33,5%, pero o PSOE recupérase e sobe até 32,5%, deixando a diferenza reducida a só un punto fronte aos 2,7 do mes anterior. O BNG, pola súa parte, obtería 0,8% dos votos totais, unha décima menos que no barómetro de marzo pero dúas máis que nas eleccións estatais de 2023.

Na terceira praza consolídase Vox, cunha estimación de voto do 10,1%, mentres que Sumar cae por segundo mes consecutivo e agora marca un 8,2%, un punto menos que en marzo. Pola contra, Podemos sobe até 3,1%.

A enquisa baséase en 4.032 entrevistas telefónicas realizadas os catro primeiros días de abril a persoas residentes en 1.245 municipios. A marxe de erro é de máis/menos 1,6%. Por tanto, as entrevistas realizáronse nun contexto político de crispación pola aparición do chamado 'caso Koldo' de comisións en contratos de emerxencia e polas sucesivas informacións sobre a esposa do presidente Pedro Sánchez e sobre a investigación fiscal a parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.

 

Nese clima político, e preguntados pola intención de voto se as eleccións estatais fosen mañá mesmo, un 24,6% dos enquisados e enquisadas xa adianta o seu apoio ao PP, fronte a un 22,9% que cita o PSOE, o que supón unha nova vantaxe dos 'populares' en intención directa de voto, pero menor que a de hai un mes. Agora son 1,7 puntos, pero en marzo case chegou aos cinco puntos porque o PSOE quedou en 20%.

Pero ante esa pregunta directa tamén hai un 14,3% que non ten claro o seu voto, un 4,8% que declina contestar e un 6,2% que se decantaría pola abstención. E a eses enquisados pregúntaselles que partido cae máis 'simpático', e aí o PSOE gaña e consegue dar a volta e superar o PP na suma do voto decidido máis a simpatía: 27% fronte ao 26,9% do PP.

Co conxunto da enquisa, o CIS chega á conclusión de que o PP conta en abril cunha estimación de voto de 33,5%, medio punto menos que o mes anterior, pero medio punto máis que cando gañou as estatais de xullo de 2023. En cambio, o PSOE recupérase e pasa do 31,3% de marzo a unha estimación de voto en abril de 32,5%, oito décimas por riba do seu resultado nas anteriores eleccións. Iso fai que a vantaxe dos 'populares' caia nun mes de 2,7 puntos en marzo a só un punto en abril.

Vox repite como terceira forza política por segundo mes consecutivo, cun respaldo estimado do 10,1%, mellor mesmo que o 9,9% que logrou en marzo, pero aínda por baixo do 12,4% que obtivo nas estatais, outorgáronlle 33 deputados. E quen máis cae é Sumar, que agora anota un 8,2%, o seu peor dato da lexislatura, un punto por baixo da enquisa de marzo e dous puntos menos que nas xerais. Pola contra, ao seu carón medra Podemos, con quen rompeu en decembro, que en abril ten unha estimación de voto do 3,1%, case un punto mellor que o mes anterior.

En canto ás formacións de ámbito territorial, Esquerra e Junts aparecen agora empatados cun 1,4%, na primeira enquisa do CIS tras adiantarse as eleccións catalás, mentres que o PNV supera pola mínima a Bildu (1% fronte ao 0,9%).

Comentarios