Concellos rexeitan a fusión local que avala a Xunta

O debate sobre fusións de concellos na Galiza semella rematado antes de empezar. A unión de municipios como vía para mellorar servizos e aforrar custos non convence á gran maioría de concellos nin a expertos en planificación do territorio. O Congreso organizado pola Xunta da Galiza para presentar o estudo sobre a Reforma do mapa municipal contou cunha discreta presenza de representantes municipais. 
240919_XustizaDeportes_InauguracionCngreso_MAC-08
photo_camera Ricardo Cao, Teresa Táboas, Diego Calvo, Antonio López e Mónica Valderrama, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

O estudio encargado pola Xunta á Fundación Juana de Vega coa colaboración das tres universidades suxire fusionar 16 concellos. O traballo foi presentado esta oficialmente, coa presenza do conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, das universidades e da Fundación responsábel do mesmo. Mais a asistencia de representantes municipais —en principio, destinatarios deste debate— foi "discreta". Non só pola decisión do BNG de non acudir ao congreso ao haber só unha muller entre as 16 persoas interveniente, senón —e así se mostrou estes días— polo rexeitamento municipal a unha política territorial de fusións.

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín (BNG) -o documento presentado propón a fusión con Teo-, dixo esta semana que "non é o momento" de falar da fusión dos municipios e que este tema é unha "cortina de fume" para non tratar outras cuestións que afectan a entidades e cidadanía, como a suba da taxa de Sogama. 

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) manifestaba xa no verán —a raíz do anuncio do estudo encargado pola Xunta— que "non recibiu de ningún concello vontade ou interese de fusión con outros". 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou esta quinta feira que as fusións deben partir dunha "análise seria" e rexeitou "discursos tramposos". Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou esta semana que a vía das fusións non era a adecuada para mellorar a situación da cidadanía e dos municipios. Diego Calvo tomou nota do ambiente e quixo deixar clara esta quinta a "voluntariedade" dos municipios para decidir unirse ou non.

A Comarca do Deza é sinalada no estudo coma posíbel zona para unha nova reordenación municipal. No Deza hai seis concellos (Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón). A cabeceira da comarca e o máis poboado, Lalín, estivo na presentación do estudo. O seu alcalde, Xosé Crespo (PP), recoñeceu ser promotor do primeiro estudo de fusións no 2002, agora di non ter nada que ver e empraza á análise e á reflexión arredor dos datos dos expertos para “ollar alternativas de cara ao futuro”. Responde así Crespo diante da reacción do segundo maior concello do Deza, Silleda. A alcaldesa, Paula Fernández (PSdeG), non acudiu ao convite en Compostela, logo de reaccionar ás primeiras publicacións arredor do informe cun “rotundo rexeitamento ao novo mapa municipal”. 

No veciño concello de Vila de Cruces Luís Taboada é o alcalde de Xuntos polo Noso Concello. Tampouco en Vila de Cruces a fusión dun único concello na comarca semella convencer. En Rodeiro goberna un bipartito entre o PSdeG e Unidade por Rodeiro. O goberno local defende a xestión municipal e advirte que “Rodeiro non vai ser unha parroquia de Lalín”.

Comentarios