18-F

Que deberían facer Podemos e Sumar? Ir en coalición? Non presentarse? Isto é o que opina o electorado galego

Unha enquisa de 'Electomanía' apunta como opción preferida das galegas e galegos que ningunha das formacións concorra aos comicios do 18 de febreiro e concentrar así o chamado "voto progresista" en BNG e PSdeG.
Isabel Faraldo e Marta Lois, candidatas á Presidencia da Xunta de Podemos e Sumar, respectivamente. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Isabel Faraldo e Marta Lois, candidatas á Presidencia da Xunta de Podemos e Sumar, respectivamente. (Fotos: Europa Press)

A división do voto na esquerda é un dos principais debates na Galiza de cara ás eleccións do vindeiro 18 de febreiro. A elevada barreira electoral nas catro circunscricións —5%— e o xurdimento de novos actores políticos a respecto da cita coas urnas de 2020 —Sumar, Podemos ou Espazo Común Galeguista, rexistrado esta quinta feira como coalición— son os principais argumentos que os analistas políticos reavivan para pedir a "concentración do voto" nas principais forzas do espectro progresista.

E precisamente sobre o papel que deberían xogar tanto a formación morada —cuxas bases elixiron a lista encabezada por Isabel Faraldo para a súa papeleta— como a coalición liderada na Galiza por Marta Loise que concorrerá finalmente con Esquerda Unida— preguntou ao electorado galego o portal de enquisas Electomanía. O seu amplo estudo elaborouse a partir de 2.850 entrevistas e ten un erro de mostra de 2% e un grao de confianza de 95%, precisan.

Con base nos datos desta enquisa, para a maioría das galegas e galegos a mellor decisión que poderían adoptar tanto Podemos como Sumar é non presentarse a estas eleccións e pedir o voto para o BNG —38,6% das persoas entrevistadas no caso dos morados e 34% para Sumar—.

A segunda opción máis votada no caso de ambas as formacións é que deberían concorrer... mais en solitario. Esta é a alternativa elixida por 19,9% das galegas e galegos para Podemos e de até 24% para Sumar, pero unha posibilidade que non gaña demasiados adeptos cando se debullan os datos do propio electorado de Podemos e Sumar.

Así, as persoas que se declaran votantes dos morados decántanse maioritariamente quer por presentarse en solitario en toda Galiza, quer por directamente non presentarse e non pedir o voto para ningunha formación —28,6% en ambos os casos—. E no seguinte escenario hai un triplo empate a 14,3% entre non presentarse e pedir o voto para o BNG, presentarse en solitario mais só na Coruña e Pontevedra e presentarse en todo o país da man de Sumar.

Para as e os votantes de Sumar, pola súa parte, a opción preferida é presentarse en todo o territorio nunha lista unitaria con Podemos (52,5%), por volta dun 41% que cre que deben concorrer en solitario. Outro 4,9% avoga por ir con Podemos mais só na Coruña e Pontevedra, e finalmente un 1,6% considera idóneo acudir á cita en solitario só nestas dúas circunscricións. En ningún caso prevén non concorrer.

Desta enquisa extráese tamén que até 42% do electorado de Sumar considera que Podemos non se debería presentar ás eleccións en ningunha circunscrición nin tampouco sumarse á coalición... e o mesmo acontece no caso inverso: practicamente a mesma porcentaxe de votantes morados cren que Sumar debería borrarse da carreira electoral.

Comentarios