Estes son os concellos galegos cuxa veciñanza só poderá escoller entre dúas candidaturas o 28-M

Para a próxima cita coas urnas, tanto BNG como PSdeG presentan candidaturas en máis concellos galegos que nos comicios de 2019, pero o Partido Popular mantense como a única formación que consegue fechar listas nos 313 municipios do país.
Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).
photo_camera Urna electoral (Imaxe: Polaris / Contacto).

Após a publicación definitiva das listas electorais nos 313 concellos da Galiza, xa se pode confeccionar un esquema dos diferentes concellos cuxa veciñanza só poderá escoller entre dúas candidaturas.

O Partido Popular e o Partido Socialista enfrontaranse nunha trintena de concellos galegos, nos cales foron as únicas formacións en presentar candidatura para as eleccións municipais do próximo 28-M.

Así, segundo se desprende das proclamación de candidaturas publicadas esta terza feira, día 2 de maio, nos boletíns oficiais, en Moeche (partido xudicial de Ortigueira), Curtis e Vilasantar (partido xudicial de Betanzos), só se enfrontarán os populares e o Bloque Nacionalista Galego.

Por circunscricións, na que máis concellos contarán só con dúas listas é a de Ourense. En concreto, os populares e os socialistas enfrontaranse na Arnoia, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Muíños, Padrenda, Petín, Rubiá, A Veiga, Boborás, Cortegada, Pontedeva, Quintela de Leirado, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Manzaneda, San Xoán de Río e Riós.

Na circunscrición de Lugo, serán nove os municipios nos cales a veciñanza só poderá elixir entre o Partido Popular e o Partido Socialista. Trátase de Antas de Ulla, Ribeira de Piquín, As Nogais, Paradela, Triacastela, Abadín, Ourol, Trabada e Xermade.

Na da Coruña, haberá cinco municipios nos que só haberá dúas listas. En tres deles, Curtis, Moeche e Vilasantar os populares galegos competirán co BNG. Ademais, en Sobrado e Cercido enfrontarase o PP e o PSdeG.

Pola súa parte, en todos os concellos da circunscrición de Pontevedra haberá máis de dúas listas para as próximas eleccións municipais do 28 de maio.

As principais formacións

Para a próxima cita coas urnas, tanto BNG como PSdeG presentan candidaturas en máis concellos galegos que nos comicios de 2019, pero o Partido Popular mantense como a única formación que consegue fechar listas nos 313 municipios do país.

En concreto, os socialistas galegos están en 305 dos 313 concellos e o BNG en 265 localidades. Ademais, Vox multiplica por tres as súas candidaturas de 2019, ata as 39 e Ciudadanos non alcanza a decena total de listas e deixa Santiago e Ferrol sen aspirante á Alcaldía.

Pola súa parte, o partido fundado polo que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, Espazo Común, fechou candidaturas nunha vintena de concellos e participará nas candidaturas que Unidade Local presentará en Arteixo, Culleredo e Cambre.

Podemos participará na Galiza en máis dunha trintena de candidaturas baixo distintas fórmulas: en solitario ou xa sexa en formato de coalición máis ou menos ampla e integrándose en espazos que desembocaron nas súas propias marcas (as 'mareas').

Comentarios