O Goberno español dispón de dous meses máis para xustificar ante Bruxelas a prórroga da AP-9, tras o segundo expediente

O procedemento aberto en relación coa autoestrada AP-9 ten a ver coa prórroga da concesión e a súa adaptación á normativa europea.
A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A autoestrada AP-9 ao seu paso por Tui. (Foto: Nós Diario)

O Goberno español solicitou dous meses máis para xustificar ante Bruxelas a prórroga da AP-9, despois de que en abril a Comisión Europea abrise por segunda vez senllos expedientes de infracción por incumprimento, por unha parte, da lexislación comunitaria sobre contratación pública e, por outra, da normativa sobre a concesión de autoestradas.

A pesar de que o prazo marcado inicialmente para que o Executivo estatal puidese responder a este expediente remataba a vindeira segunda feira, 24 de xuño, finalmente solicitou unha prórroga de dous meses, logrando así máis marxe para a súa xustificación. Segundo fontes do Ministerio de Transportes citadas pola axencia Europa Press, a citada prórroga xa foi concedida.

Así, o Goberno dispón agora doutros dous meses para responder e emendar as deficiencias expostas pola Comisión, que, a falta dunha resposta satisfactoria, pode decidir levar o Estado español ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Prórroga da concesión

En concreto, o procedemento aberto en relación coa autoestrada AP-9 ten a ver coa prórroga da concesión e a súa adaptación á normativa europea. Os Estados membro debían incorporar a cadansúa lexislación estatal as normas que regulan os contratos públicos e os contratos de concesión antes do 18 de abril de 2016, un prazo que Moncloa incumpriu xunto aos gobernos de Bulgaria e Romanía.

Esta directiva pretende abrir os mercados públicos a unha auténtica competencia entre empresas de toda a UE para garantir unha mellor relación calidade-prezo nas licitacións públicas. Bruxelas sinala que a lexislación española non respecta, en particular, o ámbito de aplicación da directiva no que se refire ao tipo de poderes adxudicadores, contratos e modificacións que deben cubrirse.

O Estado español afronta tamén un segundo expediente de infracción por prorrogar a duración de dúas concesións de autoestradas sen aplicar adecuadamente os procedementos de licitación, infrinxindo así as normas da UE.

Con iso, a Comisión busca garantir o respecto da regulación comunitaria sobre concesións, que estabelece a igualdade de trato dos operadores económicos interesados en participar nos procedementos de contratación e o respecto da obriga de transparencia.

Denuncia de En Colectivo

Foi a asociación de consumidores En Colectivo a que presentou en xullo de 2019 ante a Comisión Europea unha denuncia, que deu paso á apertura dun procedemento de infracción contra o Estado por incumprimento da normativa da Unión Europea pola prórroga e modificación do contrato de concesión da autoestrada AP-9.

En setembro de 2021, desde Bruxelas xa se enviou unha carta de emprazamento ao Goberno español por considerar que ao modificar e prorrogar o contrato de concesión da autoestrada AP-9, sen publicar un anuncio de licitación e sen que tivese lugar procedemento ningún de adxudicación do contrato así modificado, incumprira a normativa.

Segundo a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante o inicio dunha nova licitación. Na denuncia presentada por En Colectivo o 9 de xullo de 2019 indicábase que os reais decretos 1809/1994 e 173/2000, que conceden senllas prórrogas a Audasa para a explotación da autoestrada até os anos 2023 e 2048, respectivamente, incumprían diferentes Directivas da Unión Europea.

Desde a asociación solicitouse á Comisión Europea que estudase a legalidade de ambos os reais decretos para determinar se se adaptan ao dereito comunitario e que, en caso de incumprimento, instase o Goberno español a dar solución a esta situación e lograr finalmente a anulación das prórrogas e a supresión das peaxes na AP-9.

En concreto, incidíase en que as prórrogas aprobadas nos anos 1994 —até 2023, durante o Goberno de Felipe González— e en 2000 —até 2048, durante o Goberno de José María Aznar— equivalen a unha nova concesión e, por iso, deberían convocarse as necesarias licitacións. Non facelo, agregaban, "impide o dereito á liberdade de estabelecemento e ao seu exercicio, e fai imposíbel a libre prestación de servizos".

Tamén se informaba de que estas prórrogas de Audasa "afectan directamente" o comercio da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, ao non haber ningunha alternativa á vía cunhas condicións semellantes, o que si ocorre noutros territorios do Estado.

Comentarios