Goberno español e Xunta pactan para evitar un conflito competencial no Tribunal Constitucional

O conflito tiña a ver co artigo 46 da Lei de medidas fiscais e administrativas, referido á normativa que regula o aproveitamento eólico na Galiza e polo que se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.
Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto:
Agostime / Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Ministerio de Política Territorial vén de alcanzar un acordo coa Administración galega para evitar que chegase ao Tribunal Constitucional a Lei de medidas fiscais e administrativas por un conflito competencial e de invasión de competencias, segundo informa esta cuarta feira o Goberno español. Ambas as partes acordaron interpretar o artigo 46, referido á norma que regula o aproveitamento eólico na Galiza e polo que se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Fano no sentido de que a "declaración en que faga constar que o proxecto cumpre con todos os requisitos para a autorización a excepción do permiso de acceso e conexión" emitirase polo órgano correspondente a efectos de que "o promotor poida coñecer o estado de tramitación do expediente".

Acordan interpretar que esta "declaración" carece de efectos xurídicos, tanto procedementais como substantivos, en relación co procedemento de autorización previsto no artigo 53 da Lei do sector eléctrico relativo á autorización de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas.

Acordo en Catalunya

Por outra parte, segundo informou o Ministerio dirixido en funcións por Isabel Rodríguez, o Executivo estatal logrou, ademais, un acordo coa Generalitat de Catalunya para que o Govern que preside Pere Aragonès recúe e eleve ao Constitucional outra norma, neste caso a Lei de interrupción voluntaria do embarazo, por entender que había unha invasión competencial na norma.

Os equipos de Aragonès e Pedro Sánchez pactaron até sete preceptos da citada normativa. Un deses acordos fai alusión ao apartado 9 da lei, onde coinciden en interpretar que se axustará unha desas partes ao previsto na orde de distribución constitucional de competencias. E en relación co apartado 14, acordouse que a elaboración, contidos e formado da información a que se refire consiste en determinar aspectos básicos ou mínimos e de coordinación, e prestando especial atención ás necesidades xurdidas das situacións de estranxeiría, respectando a execución de competencia autonómica.

Aliás, en canto á modificación do primeiro parágrafo do apartado 5 do artigo 17, ambas as partes coinciden en interpretar que a previsión de asistencia de intérprete para o suposto de que se descoñeza o idioma castelán debe entenderse referida, naquelas comunidades autónomas con lingua oficial, á lingua cooficial.

Comentarios