Inés Rei reestrutura o Goberno da Coruña, con edís de barrio e sen coordinadores de área

A alcaldesa asegura que esta nova estrutura busca "conseguir unha maior eficiencia e a resolución de problemas" e unha "maior proximidade" aos barrios.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Andy Pérez)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Andy Pérez)

A rexedora da Coruña, a socialista Inés Rei, anunciou esta segunda feira unha reestruturación do seu Goberno, con cambios que implicarán a supresión dos coordinadores de área, a cargo dos que estaban os tenentes de alcaldesa José Manuel Laxe, Yoya Neira e Gonzalo Castro. Ademais, asignaranse novos edís de barrio.

Con estas mudanzas introducidas, Laxe, que até o de agora tiña tamén o departamento de Planificación Urbana, estará á fronte da Concellaría de Economía e Planificación Estratéxica.

Como viceportavoz e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade estará Nereida Canosa, mentres que Yoya Neira, que até hoxe tiña esta área, asumirá Medio Ambiente. Pola súa parte, Gonzalo Castro estará á fronte de Cultura e Turismo.

En rolda de prensa, Inés Rei asegurou que esta nova estrutura busca "conseguir unha maior eficiencia e a resolución de problemas" e unha "maior proximidade" aos barrios. Por iso, cada concellaría, ademais das súas competencias de xestión, terá asignado un distrito, aínda que as competencias de barrio recaian na rexedora. Os proxectos que impliquen varias áreas serán coordinadas pola propia Alcaldía.

Sobre o modelo existente até o de agora, dixo que se deseñou porque se necesitaba, ao seu xuízo, "marcar unha estrutura en base aos tres eixos nos que tiña que centrarse a xestión do goberno", pero matizou que, tras un ano de coñecemento por parte dos edís das súas respectivas áreas, cambian as prioridades.

"É a mellor estrutura para afrontar esta parte do mandato", sentenciou a alcaldesa, quen asegurou, sobre os cambios, que todos os concelleiros e concelleiras "teñen coñecemento da acción do goberno".

Outras áreas

En canto ás demais concellarías, a de Infraestruturas e Mobilidade estará a cargo de Noemí Díaz; a de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, de Fran Díaz, e a de Deportes, de Manuel Vázquez. Diana Cabanas será a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados e Juan Díaz Borrego, de Educación e Innovación Tecnolóxica. A concelleira de Seguridade Cidadá e Interior será Montserrat Paz.

En canto aos distritos, José Manuel Laxe asumirá as zonas de Oza, As Xubias, Xuxán; Nereida Canosa, Agra do Orzán e Ventorrillo; Noemí Díaz, Os Rosales e Ciudad Escolar; Yoya Neira, Cidade Vella; Gonzalo Castro, Monte Alto e Adormideras; Fran Díaz, Ensanche e Catro Camiños; Manuel Vázquez, Agrela; Diana Cabanas, Os Castros e Elviña; Juan Ignacio Borrego, Feáns, e Montserrat Paz, Os Mallos, Santa Margarita, Sagrada Familia e Sardiñeira.

Comentarios