A Lei de Costas que propón Feixoo favorecería Ence

Alberto Nuñez Feixoo avanzou esta segunda feira a vontade da súa formación de proceder a unha reforma da Lei de Costas de 1988. A proposta responde á decisión do Partido Popular de blindar os intereses particulares nas áreas de dominio público marítimo-terrestre. A pasteira de Ence na ría de Pontevedra sería unha das grandes favorecidas por esta mudanza legal, que contradí o estabelecido pola lexislación e polos tribunais comunitarios.

Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)
photo_camera Factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)

O candidato do PP á Presidencia do Goberno do Estado español e número 1 por Madrid, Alberto Núñez Feixoo, defendeu a iniciativa sinalando que a Lei de Costas de 1988 é "bastante restritiva xa que prevalece o dominio público sobre os títulos privados”. Neste sentido, nunha entrevista nun programa de televisión, aseverou que a norma "fracasou na maioría dos seus obxectivos" e “xerou unha grande inseguridade, conflitividade social e xudicial”.

Feixoo xustificou a proposta en que "a normativa vixente” e "a actitude do Goberno" está a provocar a reversión de concesións nas áreas do dominio público marítimo-terrestre. Así, defendeu a “propiedade privada dos bens que poidan estar incluídos no dominio público, sen compensación económica pero con dereito a unha concesión administrativa”.

O dirixente popular apostou por volver á reforma da Lei de Costas de 2013, aprobada polo Executivo de Mariano Raxoi e anulada parcialmente polo Tribunal Constitucional, e retornar ao Regulamento da Lei de Costas de 2014, modificado, en parte, pola Lei de Cambio Climático de 2021. Precisamente, a normativa vixente en materia de concesións na zona de protección de costas entra en contradición coa lexislación comunitaria.

A Comisión Europea fixo público o pasado 15 de febreiro a decisión de incoar un expediente sancionador ao Estado español por falta de transparencia nos procedementos de adxudicación de concesións no dominio público marítimo-terrestre do litoral e porque cre que as prórrogas sen xustificación son "contrarias" ás regras da Unión Europea (UE). Neste sentido, entende que “a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de até 75 anos sen xustificación é contraria ás normas da UE”.

A resolución da Comisión Europea sitúase na liña do fixado pola Directiva 2006/123, popularmente coñecida como Directiva de servizos da UE, e pola xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). O órgano de xustiza comunitario sentenciou o 20 de abril que “a autorización concederase por unha duración limitada e axeitada e non dará lugar a un procedemento de renovación automática nin xerará ningún outro tipo de vantaxe para o prestador cesante ou persoas que estean especialmente vinculadas con el”.

A proposta anunciada onte polo ex presidente da Xunta da Galiza choca co disposto polo TXUE, que “prohibe en termos inequívocos aos Estados membros estabelecer prórrogas automáticas e xeneralizadas de tales concesións, sen que estes dispoñan de ningunha marxe de apreciación nin poidan supeditar a prohibición a condición algunha e sen que sexa necesaria a adopción dun acto da Unión ou dos Estados membros”. Nesta situación, atoparíase na Galiza a celulosa de Ence, cuxa concesión foi prorrogada até 2073.

Comentarios