Xustiza

O Goberno español recorre a Lei do litoral da Galiza por engadir de forma "unilateral" o mar ao seu territorio

Impugna 40% do texto por competencias que "non estaban previstas no seu Estatuto", mentres a Xunta critica que o Executivo estatal opte pola "confrontación".

A portavoz do Goberno español en funcións, Isabel Rodríguez, en rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera A portavoz do Goberno español en funcións, Isabel Rodríguez, en rolda de prensa. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Goberno estatal en funcións vén de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Lei 4/2023 de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral na Galiza porque "invade competencias estatais" en distintos ámbitos e porque "incorpora de maneira unilateral o mar" ao seu territorio. Así o avanzou esta terza feira a portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, onde destacou a importancia do devandito recurso, cuxo prazo expiraba o próximo 13 de outubro.

Neste senso, a portavoz detallou que o recurso se interpón unha vez escoitado e "avalado" polo Consello de Estado. "É un recurso moi amplo porque impugna até 31 artigos desta lei, o que supón un 40% da mesma", subliñou, para despois engadir que o obxecto é "declarar inconstitucional todos estes artigos, na súa maioría, co aval do Consello de Estado". Isabel Rodríguez defendeu que é unha "obriga" do Goberno "velar e defender o cumprimento da Constitución en todo o territorio, tamén na Galiza", e engadiu que o ditame do Consello de Estado foi emitido o pasado 21 de setembro.

En relación cos distintos argumentos xurídicos, a portavoz do Goberno puxo de relevo que a lei galega, "e non existe ningunha dúbida" ao redor diso no ditame do Consello de Estado, "aprópiase de competencias exclusivas do Estado para regular o réxime xurídico do dominio público marítimo terrestre". "Hai reiterada doutrina do Tribunal Constitucional respecto diso", recalcou.

Doutra banda, segundo indicou Isabel Rodríguez, a norma "incorpora de maneira unilateral o mar ao territorio da comunidade autónoma de Galicia" e "reduce a protección dos terreos contiguos á ribeira do mar". "As comunidades autónomas poden ir máis aló da protección do litoral, pero nunca ir a menos na protección das súas costas", remarcou. "Sempre se pode estabelecer un nivel de protección superior á lei básica, pero nunca diminuír esa protección do territorio e é o que tamén se produce na redacción desta lei", manifestou, á vez que apuntou que Galiza "se atribúe ademais competencias propias que non estaban previstas no seu Estatuto".

Finalmente, Rodríguez puntualizou que hai algunhas comunidades autónomas que asumiron a xestión de competencias en materia de costas. "Cataluña, Andalucía e, recentemente, Canarias e Baleares fano porque expresamente así o recoñeceron os seus estatutos de autonomía. Non é o caso da Galiza, que non reformou o seu Estatuto e, por tanto, non pode asumir esas competencias ou funcións que non están previstas na súa norma básica", insistiu. Segundo agregou, invade, do mesmo xeito, competencias exclusivas do Estado sobre pesca en augas exteriores.

O Parlamento galego aprobou o pasado xullo a nova lei do litoral —con votos a favor do PP e abstención do BNG e o PSdeG—, que contempla a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre, definidas no Estatuto de Autonomía e que o Goberno galego quere empezar a exercer unha vez reciba os medios, tanto persoais como económicos, de mans da Administración do Estado.

A Xunta critica a decisión

Pola súa parte, fontes da Xunta citadas pola axencia Europa Press afirmaron que o Goberno estatal opta por este recurso "sen antes convocar Comisión Bilateral para limar diferenzas", polo que censuran que "buscan a confrontación". Aliás, o Goberno galego quéixase que o recurso se basea nun informe do Consello de Estado que "non coñece" a Xunta. Ademais, remarca que o Executivo central esperou "até o último momento" para esta decisión, dado que o prazo expiraba esta vindeira sexta feira.

O Parlamento da Galiza aprobou o pasado xullo a nova lei do litoral, que contempla a asunción por parte da Xunta das competencias en xestión do espazo marítimo terrestre, que defende que están definidas no Estatuto de Autonomía e que o Goberno galego quere empezar a exercer unha vez reciba os medios, tanto persoais como económicos, de mans da Administración do Estado.

No seu día, o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a constitucionalidade da súa lei do litoral, despois de que o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, chegase a afirmar a principios deste ano que constituía "case unha declaración de independencia". A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegurba que a norma "non ten físgoa algún de inconstitucionalidade". "O que fai é preparar Galiza para asumir de forma plena as competencias de xestión do dominio público marítimo terrestre que lle outorga o Estatuto", reivindicaba.

Comentarios