Consello da Xunta

A matrícula universitaria será gratis a partir do vindeiro curso

A Xunta dá luz verde á primeira facultade de Abanca.
Alfonso Rueda, esta segunda feira, no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, esta segunda feira, no Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta deu esta segunda feira luz verde á gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramático, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos.

O Consello ratificou os dous decretos de prezos públicos a través dos cales se implanta esta acción que, na práctica, blinda que todas as universitarias e os universitarios e as estudantes de ensinanzas artísticas superiores que aproben teñan asegurada a matrícula gratuíta ao longo da súa carreira universitaria desde a primeira chamada para a matrícula de xullo en diante. 

Xunto á gratuidade da matrícula, o Consello tamén ratificou a conxelación das taxas de grao e mestrado para o próximo curso. Ademais, aprobou o convenio entre a Xunta da Galiza e as universidades da Coruña (UDC), Compostela (USC) e Vigo (UVigo) para o proxecto de consolidación do I Plan estratético da Rede Galega de cooperación universitaria ao desenvolvemento 2020-2030 e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostíbel.

Universidade privada

Tamén esta segunda feira, o Consello da Xunta aprobou a creación da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde da Universidade Intercontinental da Empresa, posta en marcha por Abanca, coa idea de que o primeiro grao que imparta sexa o de Psicoloxía. 

Esta nova facultade, sinalou a Xunta, operará como un único centro universitario nos campus académicos que esta entidade privada ten nas cidades da Coruña e Vigo.

Atención temperá

Da mesma maneira, aprobouse unha nova orde de axudas para "consolidar e seguir estendendo" a Rede Galega de Atención Temperá, unha convocatoria que contará cun orzamento de 15,8 millóns cofinanciados pola Unión Europea para o que resta de 2024, 2025 e 2026.

As axudas están dirixidas a concellos ou agrupacións de concellos e buscan "financiar un servizo gratuíto para as familias que é fundamental para dar resposta o antes posíbel ás necesidades de crianzas de 0 a 6 anos con problemas de desenvolvemento ou risco de padecelos".

Comentarios