Ensino

A Xunta ábrese a pagar aos colexios concertados as xubilacións parciais de docentes que reduzan xornada até 50%

Así figura nun borrador de acordo elaborado pola Xunta de cara á reunión da comisión tripartita da educación concertada que decorrerá a vindeira quinta feira.
aula (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estudantes nunha aula. (Foto: Nós Diario)

A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP propón a sindicatos e ás principais asociacións de centros privados da Galiza que sexa a propia Administración galega a que asuma os gastos das xubilacións parciais dos profesores do ensino concertado, que poderán reducir a súa xornada entre 25% e 50%, e das contratacións do persoal de substitución.

Así figura nun borrador de acordo elaborado pola Xunta, ao que tivo acceso Europa Press, de cara a unha reunión da comisión tripartita da educación concertada que decorrerá a vindeira quinta feira, 27 de xuño. Están convocadas as principais asociacións de centros privados do país (CECE, Escolas Católicas e ACES) e os sindicatos FSIE, CIG, USO, UXT e CCOO.

Este novo acordo chega un ano despois doutro —por parte dos sindicatos, só asinaron FSIE e USO— polo cal a Consellaría se comprometeu a asumir até 6.000 euros dos gastos de despedimento derivados das supresións de aulas. Todo iso nun contexto de baixada da natalidade no país e, en consecuencia, dos alumnos e alumnas matriculadas nos centros.

O seguinte paso será alcanzar un acordo que facilite as xubilacións parciais duns 750 profesores e profesoras que se poderían acoller en toda Galiza, de acordo con estimacións do sector. Loxicamente, terán que cumprir as condicións xerais da xubilación parcial: este ano, ter 62 anos e medio con 36 cotizados, ou facer 64 con 33 cotizados.

Ademais, o acordo, que terá vixencia desde setembro deste ano e até o 31 de agosto de 2029, aplicarase a persoal contratado de forma indefinida e a xornada completa, así como que estea incluído no réxime de pagamento delegado cunha antigüidade mínima de seis anos. Tamén estarán incluídos os e as profesoras cooperativistas —en centros titularidade dunha cooperativa— que cumpran as mesmas condicións. No texto quedan expresamente excluídos os docentes substitutos e substitutas.

Segundo o borrador da Xunta, a redución da xornada deberá durar polo menos un ano e ser de entre 25% e 50% das horas. A Consellaría asumirá "os gastos de nómina e de Seguridade Social" derivados das xubilacións parciais. É dicir, pagará tanto polo propio profesor xubilado parcialmente —até a data en que alcance a idade legal para retirarse de maneira definitiva— como do persoal substituto que se contrate. As e os docentes que queiran acollerse a esta medida poderán solicitalo ante a correspondente dirección territorial da Consellaría de Educación.

O acordo tamén contempla a contratación do profesorado substituto, que de forma preferente, aínda que "non obrigatoria", deberá saír da bolsa de recolocación de docentes pactada o ano pasado na comisión tripartita.

Por parte das patronais do sector, fontes consultadas por Europa Press non ven con malos ollos a proposta da Xunta, porque "axuda á substitución xeracional" nos colexios e a afrontar a baixada das matriculacións. E desde os sindicatos ven este borrador como un mero inicio de negociación e confían en poder elevar até 75% a carga horaria reducida e que o poida financiar a Administración galega.

Comentarios