Fin de semana de oposicións na Galiza: 21.230 persoas buscan praza de docente e outras 606 de médico de familia

Están en xogo 1.743 en Educación e 271 en Sanidade.
Exame de oposición decorrido o pasado mes de xuño. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)
photo_camera Exame de oposición decorrido o pasado mes ano. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)

Miles de persoas participarán ao longo desta fin de semana en senllos procesos de oposicións que convoca a Xunta da Galiza e que se prevén multitudinarios, entre as prazas outorgadas pola Consellaría de Educación, cun total de 21.230 persoas que aspirarán a unha de docente, e as do Servizo Galego de Saúde (Sergas), nas que outras 606 buscarán unha vacante como médico de Atención Primaria.

Por unha parte, os exames de Educación repartiranse entre 15 localidades galegas a partir deste sábado. A Xunta convoca un total de 1.743 postos —unha praza por cada 12 aspirantes, aproximadamente—, dos cales 86% son de novo ingreso, mentres os restantes son de promoción interna.

Os exames decorrerán no IES Rafael Dieste da Coruña, o IES Plurilingüe de Ames (comarca de Compostela), o CIFP Universidade Laboral de Culleredo (comarca da Coruña), o IES Saturnino Montojo de Ferrol, o CIFP Compostela de Santiago, o IES Leliadoura de Ribeira (O Barbanza), o IES Ramón Aller Ulloa de Lalín (Deza), o CIFP A Granxa de Ponteareas (O Condado), o IES A Xunqueira I de Pontevedra, o IES Valadares de Vigo, o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa (O Salnés), o IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, o IES Manuel Chamoso Lamos do Carballiño, o CIFP As Mercedes de Lugo e o IES Terra Chá de Castro de Rei.

Das 1.743 prazas que convoca a Consellería de Educación, a maioría (875) son do corpo de profesores e profesoras de Secundaria, ás que hai apuntadas 11.189 persoas. O segundo grupo máis numeroso é o corpo de mestres e mestras, con 520 vacantes e 9.011 inscritos.

A maiores, hai 84 prazas do corpo de Especialistas en Sectores Singulares da FP, con 528 inscritos, máis outras 33 no de escolas oficiais de idiomas (EOI) con 308 persoas anotadas. Ademais, convócanse 220 prazas de acceso do subgrupo A2 ao A1, neste caso con só 99 inscritos.

O Sergas oferta 271 prazas

Por outra parte, este domingo haberá exames do concurso-oposición a 271 prazas de médico de familia de Atención Primaria: 126 de acceso libre, 132 de promoción interna e outras 13 de discapacidade xeral. Os 606 aspirantes que hai anotados terán que desprazarse, no seu caso, até o Recinto Feiral Internacional da Galiza en Silleda (Deza), onde as probas arrincaron ás 9.30 horas da mañá.

De todos os aspirantes inscritos, case 5% residen fóra do país, e chama a atención que a gran maioría, até 76%, son mulleres. Ademais, a media de idade dos concorrentes é de 37 anos. O 38% tamén ten que realizar o exame de lingua galega por non estar en posesión do certificado Celga 4.

Esta convocatoria do Sergas responde o proceso de estabilización ao amparo da lei estatal de 2021 para reducir a temporalidade no emprego público. De feito, a categoría de médico de familia é a última en realizar os exercicios da fase de oposición.

Comentarios