Galiza, a segunda autonomía do Estado español máis afectada polos ERE

O persoal traballador afectado por expedientes de regulación de emprego (ERE) na Galiza chegou a ser de 2.675 persoas no mes de abril.
Oficina de emprego (Europa Press)
photo_camera Oficina de emprego (Europa Press)

O número de persoas traballadoras afectadas por despedimentos colectivos caeu no Estado español un 23,3% en abril en comparación co mesmo mes do ano anterior, até un total de 2.675 persoas, segundo datos provisionais do Ministerio de Traballo e Economía Social. Pola súa parte, as traballadoras e os traballadores afectados por suspensións de contrato diminuíron 4,7%, até os 10.991, mentres que as persoas afectadas por procedementos de redución de xornada avanzaron 48,7%, até un total de 809. 

En total, sumando os tres tipos de procedementos, o persoal traballador afectado por expedientes de regulación de emprego (ERE) autorizados polas autoridades laborais ou comunicados ás mesmas diminuíu un 7% en abril, até un total de 14.475 persoas. 

Por comunidades autónomas, a Galiza ocupa o segundo lugar na listaxe de autonomías con máis persoas afectadas cun ERE, cun total de 2.530. Só a supera o País Valencià, que contabilizou no seu territorio 5.757 persoas afectadas por un ERE. 

En termos relativos, rexistráronse aumentos en dez comunidades e descensos en sete, principalmente en Asturias e Aragón, onde o persoal afectado por ERE caeu un 98,9% e un 79,1%, respectivamente.

Caen os ERE no agro

Por sectores, a nivel estatal, o total de persoas afectadas por todos os procedementos retrocedeu un 79,4% no agrario; un 8,5% nos servizos; e un 7,5% na industria. Serían 21; 3.504 e 10.555, respectivamente. Á vez, avanzou un 74,8% na construción, con 395 persoas afectadas. 

Por tipo de procedemento, os despedimentos colectivos incrementáronse un 94% en construción, até os 293. Pola súa parte, retrocederon nos outros tres sectores: 70% en agrario, 58,7% en industria e 4,9% en servizos, até sumar 3.602 e 1.777 persoas afectadas, respectivamente. 

En relación ao persoal afectado por unha suspensión de contrato, os datos do Ministerio indican que baixaron na agricultura (-81,5%); servizos (-11,5%); e industria (-3,1%). Pola contra, subiron 37,3% na construción, até un total de 92 persoas afectadas. Con todo, a maioría con procedementos de suspensión de contratos pertencía á industria, con 9.348 traballadoras e traballadores neste caso. 

En relación á redución de xornada, mantivéronse igual no sector agrario, con só un afectado, aumentaron até os 605 en industria (+96,4%) e a 10 en construción (+25%), mentres que caeron 15,4% en servizos, até as 193 persoas afectadas.

Comentarios