Miranda instará en Bruxelas a que a UE non financie a celulosa de Altri

O BNG avanza unha "ofensiva" contra a pasteira.
Ana Pontón, y
la eurodiputada Ana Miranda mantienen un desayuno informativo con medios
de comunicación.
photo_camera Ana Miranda e Ana Pontón (Foto: Nós Diario)

A celulosa de Altri centrará a primeira iniciativa do BNG no Parlamento Europeo na nova lexislatura. Os nacionalistas consideran que o proxecto da multinacional portuguesa non ten acubillo dentro do programa Next Generation. 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, avanzou esta sexta feira “unha forte ofensiva contra Altri" en Bruxelas. Neste sentido, explicou que presentará unha proposta para reclamar que os fondos europeos "que o PP lle quere dar á multinacional se destinen a potenciar os nosos sectores produtivos, en particular o sector agrogandeiro –clave para revitalizar o rural e preservar o territorio–, e tamén a pesca e o marisqueo, coa rexeneración das rías como principal prioridade". 

"Os fondos europeos non poden ser para destruír o territorio", advertiu Miranda, quen anunciou que xa ten solicitadas entrevistas cos comisarios competentes para trasladar a idea dunha Galiza cunha "gran potencialidade que o PP quere estragar con proxectos propios do século XIX que non respectan nin o medio ambiente nin os nosos sectores produtivos".

"Bomba ambiental"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, indicou, en relación co proxecto de Altri, que os nacionalistas traballarán en Bruxelas para que “non se financie con fondos europeos unha bomba ambiental como a que o PP quere colocar no corazón do país". Neste sentido, asegurou que "o escano que vai ocupar Ana Miranda non é un escano de partido, é un escano de país, o de todas as galegas e os galegos, que nos vai servir para ter unha voz máis forte que defenda en Bruxelas os nosos intereses".

Pontón sinalou que" a nosa será unha voz crítica contra o modelo neoliberal da Unión Europea, reclamando que se poñan no centro medidas que eviten a desigualdade e o empobrecemento das maiorías sociais do noso país". Ao tempo, asegurou que "Europa non pode estar exclusivamente ao servizo do que deciden os Estados Unidos de América e a OTAN”. 

Comentarios