A oposición ve Asuntos Constitucionais como un instrumento de confrontación

BNG e PSdeG acusan Rueda de empregar a Xunta partidariamente.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, esta terza feira no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, esta terza feira no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O BNG e o PSdeG coincidiron esta cuarta feira ao considerar que a nova Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais anunciada polo candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, durante o discurso de investidura será un "instrumento" máis para "confrontar" co Estado español. Rueda anunciou esta nova Dirección Xeral, que dependerá de Presidencia, como necesaria ante os "ataques á Constitución española".

Nunha rolda de prensa ofrecida no Pazo do Hórreo, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez, sostivo que este departamento deixa ver que Alfonso Rueda quere "reforzar esa confrontación" cun "instrumento" que lle permita seguir facendo oposición ao Goberno estatal.

Todo iso, tal e como censurou a deputada socialista, "sen centrarse nos problemas" que ten a Galiza. Así, censurou que o presidente galego en funcións desatende os problemas do país mentres provoca conflitos co Estado e os concellos.

15 anos sen competencias

Nese mesmo sentido pronunciouse o viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará, que cre que ese departamento "parece máis un instrumento de confrontación" co Goberno estatal que de "defensa" do autogoberno galego.

Ao seu xuízo, esa Dirección Xeral tería sentido se estivese enfocada a "desenvolver" o Estatuto de Autonomía a través da negociación co Estado, algo que Bará considera que non entra nos plans do PP como evidencian "os 15 anos sen lograr novas competencias" das administracións populares, nas que Alfonso Rueda primeiro exerceu como vicepresidente para, hai dous anos, dar o salto á Presidencia.

Comentarios