O PP rexeita no Parlamento unha iniciativa contra a instalación de Altri e para mellorar a calidade da auga do Ulla

Esta iniciativa, presentada polo BNG, non saíu adiante ao contar cos votos en contra do PP. Nela tamén se recollía a necesidade de priorizar a defensa da calidade da auga e da actividade do sector do mar "diante de calquera outra que poida prexudicala".
comisión pesca
photo_camera Comisión de Pesca do parlamento galego que decorreu esta terza feira (Foto: Parlamento da Galiza)

A comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento da Galiza rexeitou esta terza feira unha proposición non de lei que pretendía instar a Xunta a rexeitar a instalación de Altri na comarca da Ulloa e desenvolver accións para mellorar a calidade da auga na conca do río Ulla.

Esta iniciativa, presentada polo BNG, non saíu adiante ao contar cos votos en contra do PP. Nela tamén se recollía a necesidade de priorizar a defensa da calidade da auga e da actividade do sector do mar "diante de calquera outra que poida prexudicala".

A deputada nacionalista Rosana Pérez foi a encargada de defender esta proposición non de lei, asegurando que son miles as persoas que critican e rexeitan o proxecto que a multinacional pasteira Altri trata de impulsar en Palas de Rei (A Ulloa). Pero neste caso, ela quixo centrarse en como afectaría á ría de Arousa que xera "miles de postos de traballo".

"Á vista do rexeitamento social e os efectos que xeraría, propoñemos que a Xunta deixe de ser o principal comercial e case único desta industria contaminante e nociva para moitos sectores produtivos da Galiza", reivindicou na súa exposición.

Por parte do PSdeG da Cámara, Julio Abalde referiuse aos actuais problemas de calidade da auga que hai na ría, sen que aínda Altri puxese en marcha a súa factoría. El lamentou que durante moitos anos o Goberno galego non fixese "ningunha actuación" para evitar esta situación.

"A ría de Arousa xa ten problemas", insistiu, urxindo medidas para mellorar a calidade da auga e a actividade marisqueira.

Gonzalo Trenor, do PP, argumentou os postos de traballo que xeraría de forma directa e indirecta a planta de Altri e acusou o BNG de utilizar "supostos informes científicos" para defender a súa postura en contra da multinacional da celulosa.

Ademais, explicou que Altri só se instalará na Galiza se cumpre con todos os requisitos esixidos por lei, incluíndo a declaración de impacto ambiental favorable. Con todo, a proposición non de lei non foi aprobada.

Comentarios