Pedro Branco reivindica a Delegación do Goberno estatal como garante de "que a voz da Galiza se escoite en Madrid"

O delegado do Goberno reafirma o "compromiso persoal e político" que asumiu coa súa chegada ao cargo hai un ano.
Recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).
photo_camera Recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza. (Foto: Delegación do Goberno).

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, reivindicou esta quinta feira o protagonismo da institución que dirixe como garante de “que a voz da Galiza se escoite en Madrid e para que a acción do Goberno estatal chegue a cada galego, até o último recuncho da nosa terra”.

Así o fixo nun acto institucional de recoñecemento ao papel desenvolvido pola Delegación do Goberno español a través dos 13 delegados que ostentaron a máxima responsabilidade do Executivo estatal na Galiza nestes anos.

Recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).
Recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).

Branco reafirmou o “compromiso persoal e político” que asumiu co seu nomeamento como delegado hai un ano. Subliñou o valor da institución “porque o Goberno estatal, a través da Delegación, está presente na vida diaria das persoas, no máis relevante e no cotián: nas becas dos nosos fillos, nas pensións dos nosos maiores, na mellora da iluminación ou do abastecemento da auga, na rehabilitación das nosas vivendas e no impulso á nosa industria”.

Nesta tarefa tivo palabras de agradecemento para todas as “traballadoras e traballadores públicos que serviron á cidadanía desde a Delegación do Goberno, pois eles son os verdadeiros e as verdadeiras protagonistas da acción do Goberno no territorio”.

Acto de recoñecemento público

O delegado presidiu o acto que decorreu na Coruña e que fixo un percorrido pola historia da Delegación a través da testemuña das persoas que ostentaron o cargo de delegado do Goberno español na Galiza e das súas familias.

Consistiu nun coloquio moderado polo xornalista Pablo Portabales e que contou coa participación de Pedro Branco, actual delegado, xunto cos seus antecesores Juan Manuel Diz Guedes, Arsenio Fernández de Mesa, Manuel Ameixeiras, Santiago Villanueva, Javier Losada, José Manuel Miñóns e José Ramón Gómez Besteiro.

Pedro Branco presidiu o recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).
Pedro Branco presidiu o recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).

Con eles compartiron a súa experiencia Teresa García-Sabell, filla do primeiro delegado do Goberno español na Galiza, e Ana Romero, esposa de Xosé Manuel Pose Mesura. Nesta conversa, repasaron as súas experiencias no cargo e coincidiron en sinalar o servizo público que presta á Galiza a institución da Delegación.

Tras o coloquio, os delegados e familiares foron obsequiados cunha reprodución en cerámica de Sargadelos do edificio sede actual da Delegación do Goberno español na Galiza. Tamén se presentou publicamente a galería de retratos fotográficos dos 13 delegados do Goberno, que a partir desta sexta feira estarán expostos na sede da Praza de Ourense como lembranza das persoas que ostentaron a máxima representación do Executivo estatal na Galiza.

A Delegación do Goberno español na Galiza

A Delegación do Goberno español, creada pola Constitución de 1978, comezou a funcionar na cidade da Coruña, en 1981, pouco despois da entrada en vigor do Estatuto de Autonomía da Galiza e do comezo da Comunidade Autónoma. Desde o ano 1981 foron 13 os delegados que ostentaron a titularidade do organismo.

A García-Sabell seguiulle en 1996 Juan Manuel Diz Guedes; Arsenio Fernández de Mesa, en 2000; Manuel Ameixeiras Vales, en 2004; Antón Louro Goyanes entre 2009 e 2011; Miguel Ángel Cortizo Nieto no ano 2011; seguido por José Manuel Pose Mesura, até 2012.

Pedro Branco intervén no recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).
Pedro Branco intervén no recoñecemento institucional ao papel da Delegación do Goberno español na Galiza (Foto: Delegación do Goberno).

En 2012 tomou o relevo Samuel Juárez Casado, que ostentou o posto até 2014, data na que o relevou Santiago Villanueva Álvarez, até o ano 2018. En 2018 foi nomeado delegado Javier Losada de Azpiazu; que cedeu o posto a José Manuel Miñóns Conde, até o ano 2023. Ese ano foi nomeado delegado José Ramón Gómez Besteiro, quen foi sucedido polo actual responsábel, Pedro Branco Lobeiras.

Tras unha estancia provisional na actual Subdelegación do Goberno o 7 de decembro de 1981 a Delegación mudouse ás instalacións situadas na Praza de Pontevedra, pertencentes á Delegación do Ministerio de Cultura. En novembro de 1990, a Delegación do Goberno trasladouse definitivamente ao actual edificio da Praza de Ourense, antiga sede de Obras Públicas.

Comentarios