18-F

Podemos oficializa a súa coalición con Alianza Verde para o 18-F

A comisión de coordinación da coalición, que ten como función coordinar as liñas xerais da estratexia política e a xestión do grupo parlamentario, contará coa participación dun total de cinco membros.
Borja San Ramón, coordinador de Podemos Galicia (Foto: Podemos).
photo_camera Borja San Ramón, coordinador de Podemos Galicia (Foto: Podemos).

Podemos Galicia formalizou ante a Xunta Electoral da Galiza o escrito que formaliza o seu pacto de coalición con Alianza Verde, o partido fundado polo ex director de Greenpeace Juan López de Uralde e que na Galiza está coordinado por Paula Jorqué, para as eleccións galegas que decorrerán o 18 de febreiro (18-F).

Desde a formación violeta mostráronse "contentos e satisfeitos" de integrar nas súas listas "referentes da única formación netamente ecoloxista da Galiza", nun momento no cal, afirman, se necesitan "solucións urxentes ante o deixamento ambiental da Xunta da Galiza".

'Podemos - Alianza Verde'

O acordo asinado recolle que o seu ámbito territorial circunscríbese ás catro circunscricións galegas. Ademais, as siglas desta coalición electoral, que se rexistrou esta sexta feira, serán 'Podemos - Alianza Verde' e nos logos para a cartelaría electoral aparecerán os de ambas as formacións.

A comisión de coordinación da coalición, que ten como función coordinar as liñas xerais da estratexia política e a xestión do grupo parlamentario, contará coa participación dun total de cinco membros: catro a proposta de Podemos e un a proposta de Alianza Verde.

Comentarios