Pontón cualifica a reunión entre Rueda e Sánchez como "unha oportunidade perdida para Galiza"

A líder do BNG acusa o presidente da Xunta de pór os intereses do PP "por diante" dos de Galiza.
Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional, Ana Pontón, resumiu a reunión do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, co titular do Executivo estatal, Pedro Sánchez, como “un fracaso e unha oportunidade perdida para Galiza” porque, recalcou, “lamentabelmente, o señor Rueda non foi defender os intereses dos galegos e das galegas, senón os intereses do Partido Popular”.

“Para Rueda o PP está por riba de Galiza”, afirmou Pontón, quen recalcou que o titular do Goberno galego non acudiu á reunión con Sánchez a defender a axenda galega, senón a axenda do Partido Popular, demostrando así que “non foi á Moncloa como o presidente da Xunta, senón como un delegado de Feixoo”. A líder nacionalista indicou que este é o motivo polo que Rueda rexeita algo tan positivo para Galiza como demandar unha quita da débeda, negociada polo BNG no acordo de investidura.

“Vemos como a súa estratexia partidista a leva a tal punto que está disposto a que os galegos e as galegas perdamos centos de millóns de euros única e exclusivamente para seguir as directrices que lle manda o Partido Popular de Madrid”. Rexeitar a quita é un “disparate que non entende nin un só galego, nin unha soa galega”.

Por iso, a portavoz nacional referiuse a Rueda como “o presidente máis desleal da historia de Galiza porque pon ao PP por diante do país”. Neste sentido, recordou que o BNG chegou a un acordo cos populares no Parlamento hai menos dun ano precisamente para solicitar ao Estado unha quita da débeda.

“Que cambiou para mudar de posición? O que cambiou é a estratexia que lle marcan dende Madrid”, reprochou Pontón, quen tamén lembrou que foi o propio do Goberno do PP quen afirmara reiteradamente antes da reunión a importancia de negociar un modelo de financiamento.

“Pois hoxe perdeu a oportunidade de avanzar nun modelo de financiamento que sexa beneficioso para o país”, denunciou, porque na vez de reivindicar un mellor financiamento foi ao encontro con Sánchez para deixar claro que non quere que Galiza teña “a chave dos seus cartos”, renunciando a un modelo que xa ten Euskadi e que vai conseguir Catalunya. “Rueda renuncia a un mellor financiamento para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia”, sentenciou Pontón.

“Hoxe Rueda foi a Madrid a rebaixar o status de Galiza como nación histórica e a querer que xoguemos en terceira división”, afirmou a líder nacionalista, quen tamén afeou ao PP a súa consideración de insolidaria a unha redución da débeda, cando se mantivo calado mentres se rescataban as radiais madrileñas con 4.000 millóns de euros que tamén pagaron os galegos e as galegas.

“Argumentos absurdos única e exclusivamente para intentar xustificar o inxustificábel”, alegou, indicando que o encontro na Moncloa deixa un “retrato demoledor” dun presidente da Xunta que traballa para o PP e que, ademais, demostra a súa incapacidade para conseguir “absolutamente nada” para os galegos e as galegas, dado que acudiu á súa reunión con Sánchez “coa mesma carpeta de asuntos que na reunión de hai dous anos”.

Incapaz de negociar un mellor financiamento para Galiza e unha quita da débeda, Pontón destacou que Rueda dedicou boa parte do seu tempo “a facer de comercial de Altri e das eléctricas”, reclamando financiamento para a macrocelulosa contaminante e para avanzar no espolio eólico, deixando claras as súas prioridades e que intereses defende.

Fronte a un Rueda que declarou que a débeda non era un problema, a portavoz nacional do BNG tirou de datos: “Galiza triplicou os números vermellos cos Gobernos do PP até acadar os 14.297 millóns de euros e hoxe o pago da débeda é a terceira partida de gasto máis alta dos orzamentos despois da sanidade e a educación, ascendendo a 1.511 millóns en 2024”, concluíu.

Comentarios