18-F

Rueda segue a estratexia de Feixoo e propón un único debate na TVG con Pontón, Besteiro e Lois

O PP ignora a oferta de RTVE e avoga por debater só na televisión pública galega por ser "o foro idóneo". A súa proposta deixa fóra Vox, Podemos e DO.
O presidente da Xunta e do PP na Galiza, Alfonso Rueda, no acto dos populares do pasado domingo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e do PP na Galiza, Alfonso Rueda, no acto dos populares do pasado domingo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Após evitar aclarar se participaría nos debates propostos por CRTVG e TVG de cara á convocatoria electoral do 18 de febreiro, o PP da Galiza posiciónase finalmente a respecto destas dúas ofertas. En concreto, poñen sobre a mesa un na TVG con catro caras: a do seu aspirante, Alfonso Rueda, coa líder da oposición, Ana Pontón (BNG); o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e Marta Lois, de Sumar.

A proposta remitírona aos responsábeis de campaña das distintas forzas nunha carta que asina a secretaria xeral dos populares na Galiza e, á súa vez, directora de campaña, Paula Prado, na que remarcan que, aínda que distintos medios ofreceron acoller os debates, no PP consideran que a CRTVG é "o foro idóneo", dado que é "un servizo público e o medio de comunicación de todos os galegos e galegas".

No escrito, ao que tivo acceso a axencia Europa Press, Prado tamén argumenta que o debate, ademais de ser "respectuoso coa normativa electoral", debe contar coa presenza das candidatas e candidatos a presidir a Xunta das formacións que lograron representatividade na Galiza nos últimos comicios, que foron as eleccións estatais do pasado mes de xullo: PP, PSOE, Sumar e BNG.

O Partido Popular desbotaría así a oferta de RTVE de participar nun segundo debate a tres bandas con Pontón e Besteiro e avogaría por unha única cita para falar do seu programa electoral ante a cidadanía. Rueda tamén prefire obviar o ultradereitista Vox para presentarse así ante a audiencia co seu argumento predilecto: eu ou o 'multipartito' que, ao seu entender, formarían BNG, PSdeG e Sumar. Tamén quedarían fóra Podemos e Democracia Ourensá.

Esta foi a mesma estratexia adoptada por Alberto Núñez Feixoo de cara ás eleccións estatais do pasado 23 de xullo, cando o candidato popular rexeitou a oferta de RTVE e deixou 'plantou' no debate os representantes que si asistiron, Pedro Sánchez (PSOE), Yolanda Díaz (Sumar) e Santiago Abascal (Vox), e aceptou unicamente un 'cara a cara' co presidente Sánchez.

'Cara a cara'

E no tocante precisamente aos 'cara a cara' solicitados por formacións como o BNG, a número dous do PP traslada, na liña do argumentario do partido, que Rueda está disposto a participar nun debate a dous a condición de que as formacións que aspiran "a gobernar Galiza a través dun multipartito" acorden "quen será" o seu rival.

Para avanzar na coordinación destes debates —na súa data, contidos e outros detalles—, os populares apelan a manter unha reunión, "o máis axiña posíbel", entre os responsábeis de campaña das distintas forzas políticas.

Que di a Xunta Electoral?

Porén, a Xunta Electoral ten reiterado limitar os debates ás forzas políticas que obtiveron representación nas últimas eleccións "equivalentes", e non nas inmediatamente anteriores, como propón o PP no caso da participación de Sumar. Tal foi o caso do recurso presentado por Vox, excluído dos debates nas eleccións municipais por "non ter representación en ningún Concello" da Galiza.

Ante a proposta do PP, Podemos recorrerá á Xunta Electoral se fica excluído do debate. Aliás, o candidato do PSOE afirmou ver "medo" nas filas populares: "Rueda non quere debater e busca calquera escusa", dixo. Tamén o BNG, que confirmou asistencia a "todos" os debates, pediu a Rueda que "non se esconda".

Comentarios