PP rexeita unha moción do BNG que pedía “rescatar” o Hospital Álvaro Cunqueiro

Os nacionalistas acusan os populares de traballar "a pleno rendemento para blindar o beneficio" das empresas privadas

A deputada do BNG no Parlamento Montse Prado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG no Parlamento Montse Prado. (Foto: Nós Diario)

O grupo parlamentario do PP tombou esta terza feira unha moción do BNG na que demandaba "rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo das mans das multinacionais, para que se converta no hospital público que sempre debeu ser", xa que os populares consideran que o centro hospitalario da cidade olívica "é público" e "non hai nada que rescatar".

A proposta defendeuna a parlamentaria do BNG Montse Prado, que insistiu en que o PP "bota balóns fóra" e "non asume ningunha responsabilidade" sobre a construción e xestión do Cunqueiro, lembrando o informe do Consello de Contas que cifrou en máis de 400 millóns o sobrecusto neste hospital.

"Non queda practicamente ninguén por dicirlle que as decisións tomadas polo PP na Xunta sobre a decisión da construción do Cunqueiro por un sistema onde os beneficiarios son as empresas supón unha sobrecarga para as arcas públicas e todo beneficio para as privadas", sinalou Prado.

Nesta liña, sostivo que o Partido Popular "traballou a pleno rendemento para blindar o beneficio ás que lle adxudicou toda a concesión", poñendo en práctica, dixo, "un neoliberalismo moi militante", do mesmo modo que, engadiu, "pretende facer coa instalación da macrocelulosa de Altri".

Listas de espera

Ademais, a deputada do BNG apuntou que as listas de espera "non baixan" e na área sanitaria de Vigo "hai practicamente 100.000 persoas en lista de espera". "Todas estas decisións non están a facer que a xente estea mellor atendida", lamentou.

Por todo iso, expuxo a iniciativa do BNG que, segundo manifestou, demanda, entre outras cousas, que o Parlamento "se declare como defensor da sanidade pública, universal e de calidade e que mostre oposición a que os fondos sexan os propietarios do Cunqueiro".

A continuación, a deputada do PSdeG Elena Espinosa, que avanzou na súa intervención a súa postura a favor desta moción, criticou que os populares "levan 15 anos recortando o sistema público sanitario, privatizando e facilitando todo á sanidade privada" e puxo como exemplo o caso do Cunqueiro.

Por parte do grupo parlamentario popular interveu Encarna Amigo, que fixo especial fincapé en que o centro hospitalario vigués "é público e todos os servizos que se prestan son públicos".

"A sanidade pública galega é gratuíta, universal e de calidade", insistiu para, a continuación, acusar os nacionalistas de "mentir".

Comentarios