O PP rexeita un modelo de financiamento bilateral mentres Contas apunta que o país perde 1.535 millóns ao ano

Un mes despois de que o Consello de Contas aprobase un informe onde sinalaba que a Galiza perdeu co actual sistema de financiamento 1.535 millóns de euros ao ano desde 2009, o Parlamento debaterá sobre a súa reforma a proposta do BNG.

web
photo_camera Alberto Pazos, Olalla Rodil e Elena Espinosa onte, após a Xunta de Portavoces do Parlamento.

A deputada nacionalista, Olalla Rodil, sinalou esta terza feira tras a Xunta de Portavoces da Cámara galega que “no Bloque Nacionalista Galego temos claro que non imos aceptar ningún sistema de financiamento que prexudique Galiza". Neste punto, lembrou que “o método de reparto actual, apoiado polo PP, supuxo para o país perder até 14.000 millóns de euros, cantidade que perde a sanidade e a educación públicas".

Galiza non é Catalunya, non é Andalucía e tampouco é Madrid e, polo tanto, non pode aplicárselle o mesmo criterio que a estes ou outros territorios", apuntou Rodil, que emprazou o Goberno galego a "deixar de facer seguidismo dos ditados de Xénova, poñéndose a traballar en defensa dos intereses dos galegos e das galegas”. A este respecto, reclamou a volta á actividade da comisión de estudo creada na pasada lexislatura na Cámara galega sobre o modelo de financiamento e apostou por unha negociación bilateral entre a Galiza e o Estado.

Rueda non fala da Galiza

A interpelación do BNG a Alfonso Rueda sobre o modelo de financiamento chega cando os populares e o mandatario galego están embarcados nunha campaña contra a proposta do Executivo estatal dun financiamento singular para Catalunya, en resposta á demanda dun concerto formulado Esquerra Republicana de Catalunya. Precisamente, este modelo baseado na bilateralidade xa é aplicado en Euskadi e Nafarroa e é defendido para o caso da Galiza pola formación nacionalista.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda volveu esta terza feira rexeitar un modelo de financiamento bilateral para Catalunya, sinalando que “o financiamento singular vai causar prexuízos moi grandes a outras comunidades autónomas”. Neste sentido, afirmou que "se Catalunya quere ser un territorio con privilexios fronte a outros territorios, eu, desde logo, non quero ser como Catalunya" e reclamou “unha negociación multilateral".

A proposta de Pazos

A activa posición do presidente da Xunta da Galiza en relación co financiamento catalán contrasta co seu silencio en relación coas consecuencias do actual modelo para Galiza.A esta cuestión, referiuse o voceiro do Partido Popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago, que reivindicou un modelo “singular” para Galiza, negociado de forma multilateral entre o Goberno do Estado e os Executivos das comunidades autónomas.

A actitude do PP neste debate foi criticada esta terza feira desde as filas socialistas. Así, a deputada do PSdeG Elena Espinosa reclamou á Xunta “propostas serias e con base” onde explique a súa posición diante do debate aberto e apostou por “preguntarnos polo que pasa aquí antes de preguntar polo que pasa noutra comunidade autónoma”. Na mesma liña, lembrou aos populares que en 2012 defenderon no seu programa electoral un “financiamento singular” para Catalunya.

Aliás, o delegado do Goberno do Estado na Galiza, Pedro Branco, considerou esta terza feira "plenamente compatíbel" atender as necesidades de todas as comunidades a través dunha reforma do financiamento e, ao tempo, "atender aquelas necesidades concretas que poida haber nunha comunidade".

O PP urxe convocar o Consello de Política Fiscal

Os conselleiros de Facenda das comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular solicitaron esta terza feira por carta á vicepresidenta primeira do Goberno do Estado, María Jesús Montero, a convocatoria inmediata do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para tratar "de forma multilateral" o financiamento autonómico e "sen privilexios para ningún territorio".

A carta remitida polos titulares de Facenda dos Executivos autónomos dirixidos polo PP chegou despois de que o voceiro estatal da formación, Borja Sémper, defendese unha negociación multilateral do financiamento tras indicar que "isto vai de cidadáns, non de territorios". Nesta liña, afirmou "Pedro Sánchez deu aos independentistas as chaves de España e agora entrega as da caixa". Sémper denunciou que o presidente do Executivo do Estado "volve a mercadear co ben común e coa igualdade de todos" para lograr os seus obxectivos.

Nesta liña, cualificou a Sánchez de ser "un choio para os independentistas e un problema para os españois" e apostou por “un financiamento xusto e sen privilexios para todos os españois, por tanto unha repartición xusta dos recursos, sen que fose esta repartición obxecto de mercadeo partidista nin de mercadeo electoral”.

Comentarios