Parlamento

O PSdeG demanda unha auditoría dos contratos da Xunta na pandemia

Igrexas sinala "irregularidades e deficiencias" detectadas por Contas.
A deputada do PSdeG Patricia Igrexas, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do PSdeG Patricia Igrexas, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A deputada do PSdeG Patricia Igrexas reclamou esta sexta feira unha auditoría operativa de resultados sobre os contratos da pandemia para clarificar as “moitas irregularidades e deficiencias” que sinalou o Consello de Contas en dous informes consecutivos.

Igrexas exixiu “luz” sobre as contratacións da Xunta da Galiza e, apuntou, “se como di o PP non hai nada que agochar, logo non terán nada que temer”.

As irregularidades referidas pola deputada socialista inclúen "falta de información, expedientes insuficientemente xustificados, falta de xustificación do procedemento de urxencia, desfases de centos de miles de euros nos informes dos contratos de máscaras, contratos verbais, documentos sen data ou incumprimento de requisitos nos expedientes".

Igrexas advertiu dun “modus operandi que sempre favorece o entorno do PP” xa que, como se están a coñecer grazas aos informes do ente fiscalizador, "as dúas empresas vencelladas ao cuñado de Alberto Núñez Feixoo e a parella de Ayuso víronse beneficiadas por contratos por máis de 20 millóns de euros en pandemia". Lembrou así a deputada que estes contratos pasaron polos consellos da Xunta nos que estaban presentes tanto o anterior presidente do goberno galego, Feixoo, como o actual, Alfonso Rueda.

A socialista lembrou que a día de hoxe “descoñecemos que foi dos 159 millóns de euros de fondos Covid para sanidade enviados polo Goberno estatal á Galiza". Urxiu ademais a regular os conflitos de intereses para evitar que se repitan este tipo de feitos baixo o paraugas dunha normativa “laxa” na materia, e subliñou a falta dunha Oficina Independente de Anticorrupción na Galiza. 

Comentarios