O PSdeG do Porriño exixe ao PP desculpas tras o fechamento definitivo das causas contra a ex alcaldesa García de la Torre

O PSdeG do Porriño (comarca de Vigo) exixiu esta sexta feira ao PP que se desculpe tras confirmarse o arquivo definitivo de coñecida como "causa das rozas" (separada en dúas pezas) contra a ex alcaldesa socialista, Eva García de la Torre (falecida en xaneiro de 2022).
Eva garcía de la Torre, ex alcaldesa do Porriño (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Eva garcía de la Torre, ex alcaldesa do Porriño (Imaxe: Europa Press).

O PSdeG do Porriño (comarca de Vigo) exixiu esta sexta feira ao PP que se desculpe tras confirmarse o arquivo definitivo de coñecida como "causa das rozas" (separada en dúas pezas) contra a ex alcaldesa socialista, Eva García de la Torre (falecida en xaneiro de 2022), ao rexeitar a Audiencia de Pontevedra os recursos do Concello e do grupo municipal popular fronte ao arquivo decretado polo xulgado de instrución porriñés.

Xa en agosto do ano pasado, o xulgado de primeira instancia resolveu o arquivo da causa aberta contra a ex rexedora, dous concelleiros (Orlando Márquez, do PSOE e Manuel Carreira, de UDDL) e varias empresas e familiares por suposta prevaricación, falsidade documental e tráfico de influencias, na adxudicación duns traballos de roza.

O xulgado de instrución, que xa non entrou a analizar a actuación de García de la Torre, decretou o arquivo ao non resultar acreditada a comisión dos delitos, en liña coa posición da Fiscalía . O Concello e o PP presentaron recurso e agora a Audiencia confirmou ese arquivo xudicial.

No caso do Consistorio, o recurso presentouse para pedir que a causa seguise contra as empresas investigadas e os seus responsábeis, mais o tribunal sinala que, ao non haber indicios de criminalidade na actuación dos cargos municipais non pode habelos nas empresas contratistas.

Con respecto ao recurso do PP, igualmente a Audiencia apunta que as actuacións dos concelleiros non foron constitutivas de delito porque non quedou acreditado que Orlando Márquez dese o visto e prace a traballos que non fosen realizados, nin que Manuel Carreira premese para que se contratase con empresas de persoas achegadas.

Así mesmo, no que se refire ás modificacións de crédito e recoñecementos extraxudiciais o tribunal ve xustificada a súa tramitación para pagar as facturas. Os feitos denunciados polo PP remóntanse ao período 2015-2018, durante o mandato da socialista Eva García de la Torre, cando se contrataron servizos de limpeza viaria e roza sen expedientes administrativos, de forma verbal.

As empresas limitábanse a pasar facturas ao Concello (sempre menores de 18.000 euros) e a Administración municipal pagaba, até que empezou a haber diferenzas cos contratistas e estes acudiron aos xulgados. Esta forma de proceder mantívose no tempo, a pesar das advertencias da Intervención e a Secretaría municipal sobre as irregularidades. A alcaldesa levantaba os reparos e acudía a recoñecementos extraxudiciais de crédito para o abono dos servizos.

Pedir desculpas polos "desprezos e mentiras"

Os membros socialistas na corporación porriñesa, David Alonso e Estela Táboas, canda outros membros do partido, compareceron esta sexta feira ante os medios para dar conta deste arquivo xudicial e para reclamar novamente a dimisión do alcalde, Alejandro Lourenzo (PP) e dos concelleiros que asinaron as denuncias agora arquivadas, que deberían "pedir desculpas públicas".

O PSdeG do Porriño lamentou "o asedio, ameazas, publicacións tendenciosas, desprezos e mentiras vertidas polo PP" cara a García de la Torre e Orlando Márquez. "Desgraciadamente, Eva non puido aguantar a presión á que se viu sometida, falecía pouco despois de perder o Goberno a mans do PP, sen facerse xustiza, humillada e insultada polas calumnias acreditadas xudicialmente de Alejandro Lourenzo e Nelson Santos (ex rexedor do PP), que como mínimo deberían pedir desculpas públicas á familia da alcaldesa", expresou a formación.

Con respecto a Orlando Márquez, valoraron que "sempre" estivo "moi tranquilo" con respecto a esas acusacións, mais subliñaron que "merece o respecto que os populares porriñeses lle deben, así como aos demais denunciados". Os socialistas constataron que os recursos do Concello e do PP "o único" que lograron foi atrasar a firmeza do arquivo e "aumentar a incerteza" dos investigados, ademais de atrasar o pagamento ás empresas que prestaron servizos ao Concello. "Alejandro Lourenzo debería pensar seriamente na súa dimisión tras mentir en numerosas ocasións a todos os porriñeses", concluíron.

Comentarios