Os cinco eixos da proposta do PSdeG para "reconstruír a sanidade galega"

José Miñóns acusa a Xunta de deixar sen cubrir arredor dun cento de prazas MIR nesta última convocatoria, co que xa suman 1.541 médicos que deixou sen formar desde 2012.
O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñóns. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñóns. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñóns, presentou este domingo unha proposta sustentada sobre cinco eixos para "reconstruír a sanidade galega", e reclamou ao Goberno galego que "deixe de confrontar e de presentar ocorrencias indefendíbeis" e comece por "asumir e exercer as súas competencias".

O tamén ex ministro de Sanidade alertou de que a Xunta da Galiza deixou sen cubrir "até un cento de prazas MIR" para formar novos médicos nesta última convocatoria, unha cifra semellante á do ano anterior. Miñóns asegurou ao presidente, Alfonso Rueda, que "coa táctica da confrontación e botando balóns fóra non se soluciona a ausencia de profesionais nin o feche de camas", polo que presentou unha proposta inicial con cinco eixos esenciais para pór en marcha "o antes posíbel".

Reclama, en primeiro lugar, un Plan de choque de cobertura vacacional, así como o incremento urxente na retribución dos MIR de 1º a 5º anos de formación, a cobertura de todas as prazas certificadas polo Ministerio de Sanidade e o incremento de titores e titoras para Atención Primaria, a fin de permitir unha maior oferta de formación en MIR. Ademais, propón a eliminación da burocracia na Atención Primaria coa aprobación dun Plan Integral de Equipos Multidisciplinares e a entrada da intelixencia artificial.

O responsábel socialista en materia sanitaria sinalou que "esperamos que o presidente da Xunta faga como os médicos, e despois de lavar as mans entre no quirófano de urxencia onde ten metido á sanidade pública e se poña operar".

Prazas sen cubrir

Tamén advertiu que o "único responsábel" da falta de médicos é o Goberno galego, "que deixou sen cubrir 1.541 prazas MIR desde o ano 2012, incluíndo 131 médicos de familia —que son180 desde que chegou o PP á Xunta— cos que Galiza podería contar hoxe para facer fronte á situación crítica da sanidade pública".

Miñóns criticou que "semella que o Goberno de Rueda non sabía que os profesionais sanitarios tiñan vacacións", igual que descoñecía que chegan á idade de xubilación. E afirmou que as dificultades que está a atopar o Goberno galego "derivan certamente da falta de profesionais pola nula planificación no pasado", pero tamén porque Galiza é "a comunidade autónoma que peor paga aos MIR de primeiro a quinto ano de formación".

Pola súa xestión é que Galiza ten a peor ratio de fisioterapeutas e a segunda peor de matronas e enfermeiras do Estado, dixo. E explicou que a situación actual "demostra a falta de programación e de planificación dos dirixentes do PP", que coa súa "nefasta xestión" deixaron pasar a oportunidade que lles brindou o Goberno estatal, que leva "seis anos consecutivos batendo o récord histórico de prazas formativas dispoñíbeis para Galiza".

Lembra que o Goberno de Pedro Sánchez incrementou en 40% as prazas de médicos de familia e de formación sanitaria, "mentres a Xunta é incapaz de ofertar as prazas certificadas polo Ministerio e de cubrir as prazas que oferta".

"Ocorrencias"

José Miñóns criticou que o Goberno galego teña escollido "desviar a atención coa estratexia coñecida da confrontación" para agochar a "parálise engadida" que vai provocar o cambio de nomes na estrutura da Consellaría en lugar de asumir a competencia sanitaria que ten a Xunta e que "pode desaparecer pola incompetencia política dos seus dirixentes".

Criticou a última "ocorrencia" de pór os MIR a traballar como médicos sen supervisión, o que denota "irresponsabilidade, inseguridade e falla de planificación". E apuntou que “ningún galego ou galega subiría a un avión pilotado por alguén que aínda non terminou a súa formación e sen vixilancia e, do mesmo modo, é intolerábel que pretenderan pór os MIR en formación a atender os centros de saúde sen ningún tipo de supervisión".

O responsábelk de Sanidade da Executiva do PSdeG resumiu que estas "propostas irracionais" son en realidade "froito da falla de ideas" por parte dun Goberno e dun PP que levan "14 veráns consecutivos caendo nos mesmos erros".

Comentarios