O PSdeG expedientará os concelleiros do Carballiño: "Nós non gobernamos co PP"

"O PP é un partido absolutamente respectábel, pero nós non gobernamos con eles, somo a alternativa ao PP", advirte Besteiro.
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou esta cuarta feira que a súa formación "non goberna co PP" e confirmou a apertura de expedientes aos concelleiros socialistas do Carballiño (comarca homónima), entre eles o propio alcalde, Francisco Fumega, a raíz do acordo alcanzado co Partido Popular para repartirse a Alcaldía.

"O PP é un partido absolutamente respectábel, pero nós non gobernamos con eles, somos a alternativa ao PP", sostivo Besteiro, ao ser preguntado pola decisión do grupo municipal socialista de chegar a un acordo cos populares. Besteiro, que lembrou que a Executiva do PSdeG xa deixou claro que este acordo non contaba coa autorización da dirección do partido, dixo que esta postura é compartida tamén pola dirección provincial da formación e mais a federal.

Despois de insistir en que "cando se traspasan determinadas liñas vermellas ábrense os expedientes informativos", revelou que, unha vez transcendido o acordo entre o PP e o PSOE local para repartirse a Alcaldía, non falou aínda co rexedor.

Preguntado a este respecto, ademais, incidiu en que este pacto é distinto ao "marco de apertura de diálogo" aberto "con varios partidos" —entre os que figura o PP— na cidade de Ourense para "resolver o colapso" que se produce no consistorio.

"Un diálogo que abriu o PSOE e que espero que, responsabelmente, todos entren a valorar", dixo, para sinalar que este tipo de conversas "non teñen nada a ver coa situación do Carballiño".

"Outras formas de dar estabilidade"

Nun acto en Santiago de Compostela e preguntado polas palabras do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendendo o acordo do Carballiño para "dar estabilidade" á localidade, Besteiro sostivo que "hai outras formas de dar estabilidade". "Se un quere dar esa estabilidade pode non propor ningún tipo de acción e apoiar claramente un goberno socialista co seu alcalde á fronte, sen ter que entrar en ningún tipo de acordo", dixo.

Neste punto, preguntado sobre se o PSOE preferiría que Francisco Fumega se sometese a unha posíbel moción de censura por parte de Espazo Común e o PP, Besteiro asegurou que esta é "unha das opcións" que podería haber no consistorio, e volveu soster que o PSOE é "unha alternativa ao PP".

Comentarios