Vivenda

O PSdeG volve á carga coas VUT e acusa Sanmartín de "intentar tapar a súa irresponsabilidade"

"Convoca un pleno para que pareza que fai algo cando non é decisivo e podía aforralo colgando un papel de trámite na web", cuestiona Aitor Bouza.
O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSOE compostelán, Aitor Bouza. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral da agrupación socialista de Santiago de Compostela, Aitor Bouza, acusou este domingo a alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, de convocar para esta segunda feira o pleno extraordinario no que se votará a ordenanza das vivendas de uso turístico (VUT) "para tapar a súa irresponsabilidade e falta de criterio" a este respecto.

"Convoca un pleno para que pareza que fai algo cando non é decisivo e podía aforralo colgando un papel de trámite na web do Concello", manifestou, nunha nota de prensa. En concreto, a ordenanza que se votará esta segunda feira no pleno extraordinario fixa os requisitos e a documentación que deben incluír as persoas que queiran ofrecer unha vivenda como aloxamento para turistas até un máximo de 60 días ao ano, sempre que sexa o lugar de residencia habitual dunha persoa física, e tamén o aluguer turístico de determinados cuartos na propia vivenda ou estancias na vivenda habitual.

Neste contexto, Aitor Bouza volveu reivindicar que as vivendas turísticas están prohibidas na zona vella da capital galega e limitadas en toda a cidade "grazas ao Partido Socialista". "Nós, con Bugallo, aprobámolo o 16 de febreiro de 2023. O BNG non prohibiu nada, abstívose, e o PP votou en contra de limitalas", subliñou Bouza.

O socialista denuncia que a rexedora compostelá "nin ten criterio, nin dialoga, nin sabe que facer coas vivendas turísticas", e demanda explicacións sobre "os seus cambios de opinión antes da campaña electoral e despois".

Por todo iso, Bouza lembra a Sanmartín que "está en minoría" e "debe traballar polo diálogo". Tamén reclama á alcaldesa que constitúa a mesa para declarar Compostela como mercado tensionado, o que, en opinión dos socialistas, "frearía os prezos dos alugueiros".

Este venres, o secretario xeral dos socialistas composteláns avanzou que a postura da dirección local do partido a respecto da votación prevista para esta segunda feira pasa pola abstención. Con todo, fontes citadas pola axencia Europa Press explican que algúns membros do grupo municipal son partidarios de non impedir que saia adiante esta ordenanza, que necesita o voto a favor dos socialistas.

Comentarios