Santiago de Compostela

A voltas coas VUT: en que consiste a nova ordenanza que enfronta Goberno e oposición e quen a apoia?

O PSdeG absterase na votación da regulación definitiva sobre pisos turísticos de Compostela a vindeira segunda feira, unha decisión que provocará o rexeitamento da norma tendo en conta o máis que previsíbel voto en contra do PP.
Turistas no centro histórico de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Turistas no centro histórico de Compostela. (Foto: Arxina)

A abstención xa confirmada polo PSdeG na votación a vindeira segunda feira da regulación definitiva das vivendas turísticas promovida polo Goberno de Compostela aboca o texto ao fracaso. O secretario xeral da agrupación socialista local, Aitor Bouza, xustificou a negativa a apoiar a ordenanza alegando que finalmente non se 'indultarán' os 600 pisos destinados ao turismo que operaban antes da entrada en vigor do PXOM, "un compromiso da propia alcaldesa", lamentou. E entende, aliás, que o documento é unha "reiteración improcedente e inútil" do recollido na modificación do PXOM.

Desde a Plataforma para a Regulación de Vivendas Turísticas (Previturga) acusaron o PSdeG compostelán de "traizoar" a cidade a través dun "pucheirazo cocinado desde as máis altas instancias do partido". "Estando a tempo de retomar a senda da coherencia e a responsabilidade, instamos os autores intelectuais na dirección do PSOE a abandonar o bochorno xerado e liberar os seus concelleiros para poder desenvolver as súas responsabilidades conforme ao pautado e traballando nos últimos anos, sen esquecer as obrigas adquiridas coa cidade e os seus votantes", criticaron.

E en relación a Previturga, este sábado a asociación Hostalaría Compostela desmarcouse do comunicado difundido na sexta feira denunciando o "uso indebido" da súa imaxe e a "falsidade" da súa sinatura no mesmo. Previturga, sinalaron, "carece de toda lexitimidade para usar de forma torticeira e falsa a imaxe da asociación" nun documento que, considera, "responde a intencións de persoas concretas, membros dun partido concreto".

"Nin nos causa estupefacción a actitude tomada pola dirección do Partido Socialista, nin temos coñecemento de intentos de 'fraude electoral', nin somos coñecedores de ameazas a concelleiros. Isto último, de ser certo, entendemos que debe de ser remitido ao Xulgado de Garda competente por ser as ameazas un delito tipificado no ordenamento penal vixente", inciden desde Hostalaría Compostela.

Sanmartín apela á "responsabilidade"

Mais lonxe de calmar as augas na capital galega, este sábado seguen a chegar novas reaccións a un dos asuntos que máis atención mediática está a copar nos últimos días. A propia alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, fixo esta mañá un chamamento á "responsabilidade" para "non dar marcha atrás" na ordenanza das VUT, dado que a abstención dos seis edís do PSdeG impediría aprobala, pois o Goberno conta con oito votos —seis do BNG e dous de CA— e o PP, con once.

Un proceso, asegurou en declaracións aos medios, que "xa foi iniciado en mandatos anteriores" e que ten como obxectivo "protexer o uso residencial" das vivendas da cidade. "Todo o resto sería unha irresponsabilidade", insistiu. Con todo, a rexedora, que recoñeceu que no Goberno local "estraña" esta comunicación do PSdeG, pediu que "se poñan por diante os intereses do conxunto da poboación e do Concello de Santiago".

Tamén defendeu que a ela non lle corresponde "facer especulacións" sobre cuestións internas dos grupos políticos e reiterou que "hai un proceso iniciado" e "non se debe dar marcha atrás". "Nós estamos sempre abertos ao diálogo, a falar con todo o mundo, pero entendemos que houbo xa reunións. Creo que todo o mundo ten os informes e coñece a situación. Hoxe o único que me corresponde como alcaldesa é solicitar a responsabilidade para todo o mundo coa cidade", sentenciou.

Apoio do Ateneo

A nova ordenanza sobre pisos turísticos recibiu este sábado o apoio do Ateneo de Santiago, que advirte do "incontrolado crecemento" desta modalidade de aluguer non residencial nos últimos dez anos e dos "graves problemas" que ocasiona na cidade, "especialmente naqueles espazos da zona histórica que foron declarados como Patrimonio da Humanidade".

"A problemática da falta de vivenda para familias e estudantes, o crecente despoboamento do casco histórico de residentes e o feche do comercio tradicional, a ocupación e invasión de espazos públicos... son consecuencia dun crecemento do aloxamento turístico baseado nas vivendas de uso turístico", censuran, ao tempo que chaman a adoptar con "urxencia" medidas que "poñan freo a esta situación e que supoñan un desenvolvemento turístico sostíbel desde o punto de vista ambiental, social e cultural".

"A necesaria ordenación do turismo nunha cidade histórica ten que considerar que a súa capacidade de acollida non é ilimitada e, por conseguinte, precísase estabelecer os límites e os mecanismos organizativos de control dos mesmos", engaden, nun comunicado asinado pola Xunta Directiva do Ateneo que conclúe pedindo "pór os intereses da cidade por riba de calquera outra consideración ou interese particular ou de grupo" desde o consistorio.

Que di a ordenanza?

O texto que se votará esta segunda feira no Pazo de Raxoi é unha ordenanza complementaria sobre usos turísticos que inclúe dous usos: o aluguer turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano e sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física —entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano—, e tamén o aluguer turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. Neste último caso, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo da Galiza —actualmente está prohibido, conforme ao Decreto 12/2017—.

A ordenanza detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatíbeis cos estatutos da comunidade veciñal, para solicitar ese uso turístico temporal durante 60 días ou menos por ano.

Este texto só regula o procedemento de comunicación de usos asimilados ao de vivenda e que en ningún caso entra a regular ou regularizar usos preexistentes aos estabelecidos na planificación vixente. Segundo precisaron desde o Concello, os informes xurídicos conclúen que nesta altura non é posíbel legalizar actividades preexistentes á modificación do PXOM que non fosen expresamente tratados nunha disposición da propia norma naquel momento.

40 comercios, a favor das novas restricións

Por outra parte, até 40 comercios da zona vella de Compostela veñen de unirse para expresar o seu apoio ás medidas que  camiñen a prol de "regular a convivencia e a actividade económica", un comunicado que ve a luz apenas uns días despois de que o Goberno local acordase fixar unha moratoria sobre negocios turísticos na zona histórica da capital.

"Pensamos que é urxente redireccionarnos cara  a un modelo de cidade que protexa o comercio de calidade, de proximidade e útil para a cidadanía", afirman as asinantes do texto, que chaman tamén a apostar nun comercio "que á súa vez constrúa comunidade".

Comentarios