Corenta comercios da zona vella de Santiago de Compostela veñen de unirse para expresar o seu apoio ás medidas que camiñen a prol de “regular a convivencia e a actividade económica”, un comunicado que ve a luz apenas uns días despois de que o Goberno local aprobase fixar unha moratoria sobre negocios turísticos na zona histórica da capital.
“Somos parte do comercio da zona vella e queremos expresar o noso apoio a medidas que vaian a prol de regular a convivencia e a actividade económica”, principia o comunicado apoiado por estes corenta estabelecementos.
“Pensemos que é urxente redireccionarnos cara a un modelo de cidade que protexa o comercio de calidade, de proximidade e útil para a cidadanía”·, afirman, “e que á súa vez constrúa comunidade”.
Sinalan que con este escrito tamén procuran “visibilizar as distintas sensibilidades dentro do comercio da zona vella compostelá e, mesmo, ofrecer a nosa participación activa cara a ese outro modelo onde poidamos sobrevivir nun ecosistema variado de comercios, a presenza de veciñanza e a recepción de visitantes, dun xeito equilibrado e beneficioso para todas as partes”.
![comercio](/media/nosdiario/images/2024/06/21/2024062119482123003.jpg)
A Xunta de Goberno local de Compostela aprobou esta segunda feira unha modificación do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica para fomentar o comercio local e fixar poboación.
Con este fin, o Executivo compostelán acordou suspender durante un ano as licenzas e comunicacións previas de actividade relacionadas co turismo e a hostalaría, tempo que aproveitará para estudar cales son "os usos, as zonas e as actividades comerciais a preservar". O obxectivo, remarcou, facer o centro histórico máis habitábel e fixar poboación con acceso a servizos de proximidade.
Por outra parte, e segundo as conclusións dun estudo da Rede Galabra da Universidade de Santiago que se desenvolveu ao longo do 2023, tan só 5% de 444 estabelecementos comerciais dun universo finito estimado de 4.013 locais quere que se reserve a zona vella para o turismo.